Santiago, 6 de marzo de 2018.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, reiterou esta tarde no Parlamento o compromiso da Xunta de Galicia de rematar administrativamente antes de 2020 as 128 zonas vivas de concentración parcelaria existentes na Comunidade galega. “O obxectivo é dotar aos nosos agricultores e gandeiros de explotacións con base territorial suficiente para garantir a súa rendibilidade”, apuntou.
José González considerou a concentración parcelaria como “un instrumento fundamental para o despegue socio-económico do agro galego, xa que diversifica os usos do solo, mellora as vías de comunicación e clarifica e actualiza a titularidade da terra en Galicia, dotándoa de seguridade xurídica mediante o seu acceso ao Rexistro da Propiedade”.
ACTUALIZAR E SIMPLIFICAR A NORMATIVA
“A Xunta traballou para actualizar e simplificar a normativa que regula as concentracións parcelarias a través da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, coñecida como Metaga”, sinalou. Así, manifestou que esta norma “prima o valor agrogandeiro e forestal que pode haber nas zonas interesadas en reorganizar o seu territorio, máis aló de reducir o número de parcelas e facelas máis grandes”.
En definitiva, González destacou entre os obxectivos xerais da Metaga a mellora das condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias en Galicia; e establecer medidas de agrupación e redimensionamento, mellora estrutural e de infraestrutura que faciliten a mobilización de predios para uso agrario, prestando especial atención ao apoio á constitución de iniciativas asociativas para o aproveitamento en común.
O portavoz popular sinalou que “nos últimos anos, ante a limitación orzamentaria, foi necesario a priorización das actuacións a acometer nas concentracións parcelarias abertas en Galicia”. Porén, salientou que “a Xunta leva investidos nos dous últimos anos máis de 53 millóns de euros nas obras e servizos técnicos das reestruturacións”.