Santiago, 19 de marzo de 2018.- A aprobación definitiva da reforma da Lei de saúde de Galicia, a devolución da plusvalía municipal cobrada indebidamente e o impulso aos orzamentos do Estado que incluirán melloras nas pensións serán as tres cuestións relevantes sobre as que o Grupo Popular centrará o seu obxectivo no Pleno que se celebra esta semana.
O portavoz popular Pedro Puy reiterou que a reforma da Lei de saúde de Galicia “reforza os hospitais comarcais, con máis servizos e máis presenza de especialistas que se despracen desde os hospitais de referencia nas grandes cidades”. En concreto, dixo que se trata dunha “lei basicamente organizativa, que trata de continuar mellorando a sanidade pública” e avogou porque o tempo bote abaixo “todas esas desconfianzas xeradas polos discursos da oposición que non se axustan á realidade”.
Ademais, Puy avanzou que a norma mellorará a coordinación entre atención primaria e hospitalaria, ao tempo que potenciará a participación social, desenvolvendo o Consello Galego de Saúde e os Consellos de Saúde de Área e de Distrito, así como regulando a existencia do Consello Asesor de Pacientes.
UTILIZACIÓN DOS REMANENTES MUNICIPAIS
Unha segunda cuestión sobre a que o Grupo Popular porá especial énfase é a solicitude para que o Goberno central permita aos concellos utilizar os remanentes de tesourería positivos para a devolución do imposto da plusvalía municipal cobrado indebidamente.
Puy sinalou que o PPdeG é favorable a que os concellos que xeraron superávit nos últimos anos poidan utilizar eses remanentes para investimentos. Porén, lembrou que “parte dese superávit deriva do cobro do imposto da plusvalía municipal”, polo que manifestou que os concellos “deberían aproveitar o acordo acado entre o Ministerio de Facenda e a FEMP para devolver aquilo que se cobrou de máis indebidamente”.
En terceiro lugar, o portavoz popular referiuse á proposición non de lei do Grupo Popular que demanda aos grupos parlamentarios nas Cortes Xerais a tramitación e aprobación dos orzamentos do Estado para 2018. Puy destacou “a oportunidade desta iniciativa, logo de que o Presidente do Goberno anunciara a convocatoria dun Consejo de Ministros extraordinario para o vindeiro 27 de marzo para remitir ás Cortes o proxecto de orzamentos”.
“É bo para Galicia que este trámite culmine con éxito e que o Congreso sexa capaz de acadar unha maioría e tramitar os orzamentos” manifestou Pedro Puy, porque “vai incluír, de acordo co que xa se anunciou, melloras nas pensións de viuvez, das mínimas e outras actuacións que favorezan ás persoas maiores”.
TODO O POSIBLE PARA GARANTIR AS PENSIÓNS
Puy amosouse “convencido de que se está a facer todo o posible para garantir as pensións”, polo que afirmou que “non imos entrar en debates doutras forzas que din cousas falsas, como que se dilapidou o fondo de pensións”. Neste sentido, indicou que “o importante é traballar cara ao futuro tanto pola vía da mellora do mercado de traballo, como pactando entre todos os axustes que sexan precisos para garantir as pensións a medio e longo prazo”.
Neste sentido, Pedro Puy salientou as actuacións que está a desenvolver a Xunta, dentro das súas competencias, para que os datos de risco de pobreza e exclusión social sexan menores en Galicia que a media española.
En concreto, Puy lembrou que a Xunta destina cada ano máis de 8 millóns de euros para que 40.000 galegos e galegas se beneficien dun complemento de 206 euros á súa pensión non contributiva de xubilación.