Santiago, 3 de febreiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, comezou este venres a rolda de reunións de traballo cos grupos municipais dos concellos que avanzou na súa última xuntanza cos portavoces das sete cidades galegas. O obxectivo destes encontros é “coñecer as inquedanzas dos nosos compañeiros e aproveitar as sinerxias entre agrupacións, para atopar solucións comúns a problemas comúns”. “No PPdeG compartimos discurso, compartimos obxectivos e compartimos vontade de traballar polos nosos cidadáns. Ese é o mellor argumento para ser sempre un partido de goberno”, subliñou.
Tellado explicou que a súa andaina comezou en Santiago porque é “un digno exemplo da fraude que foron as Mareas para as cidades nas que gobernan”. Deste xeito, lembrou todos os incumprimentos dos populistas nestes meses en materia de política social e rexeneración democrática, dúas das bandeiras coas que chegaron ao poder. Neste sentido, reprochoulle a Martiño Noriega que cando é cuestionado pola súa situación xudicial “o único que fai é rirse dos xornalistas e dos veciños”.
“A receita de dar solucións sinxelas a problemas complexos só pode xerar unha fonda frustración nos cidadáns, que comezan a ver como os populistas eran moi bos facendo propaganda de si mesmos, pero moi malos gobernando”, destacou Tellado, antes de apuntar que “unha vez lle cae a careta ao populismo, moita xente aposta polo modelo de moderación, rigor e seriedade na xestión” que encarnan os populares galegos, en referencia ao 47% de apoios que obtiveron nas últimas autonómicas na cidade.
No caso concreto compostelán, o secretario xeral opina que “Martiño Noriega nunca quixo ser alcalde, senón sucesor de Xosé Manuel Beiras”, e cualificou o seu paso pola política municipal como unha “plataforma” para ser candidato das Mareas á Xunta. Deste xeito, aludindo ás loitas internas de poder no seo dos populistas, valorou que os alcaldes pasan os meses “conspirando uns contra os outros” mentres desatenden a xestión das cidades. Neste sentido, tamén fixo referencia á fractura en Podemos, ao expresar que están máis preocupados por saber “se son pablistas ou errejonistas” que dos problemas dos veciños.
UN ALCALDE QUE QUERE VOLVER A SELO
O secretario xeral fixo fincapé en que a oposición na capital galega forma “un gran equipo” que traballou de xeito construtivo desde o primeiro día en beneficio dos veciños, “coa mala sorte de ter enfronte un goberno que non os escoita”. Neste sentido, valorou a labor desempeñada polo portavoz e presidente da agrupación local, Agustín Hernández, ao que cualificou de “un gran alcalde, que volverá a selo porque quere selo”.