Santiago, 22 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a que elabore, coa participación do Consello de Acción Exterior de Galicia, un informe sobre os posibles impactos do Brexit na economía galega e nos seus sectores produtivos”.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou que “Galicia ten que prepararse ante o novo escenario que se abre en Europa co Brexit para poder influír nas negociacións e defender os intereses galegos, tanto no ámbito institucional e financeiro como na economía das empresas e as familias galegas”.
SITUACIÓN DE INCERTEZA
A decisión do Reino Unido “xerou unha situación de incerteza porque é a primeira vez que un país abandona a Unión Europea”, preocupación que tamén se manifesta en moitos sectores da economía e a sociedade galega.
Puy lembrou que o Reino Unido é unha das economías máis grandes da Unión Europea, cunha renda per cápita superior á media e unha aportación neta de 5.000 millóns de euros ao ano.
Neste sentido, explicou que o Brexit afectará, en primeiro lugar, aos movementos de capital e aos investimentos galegos no Reino Unido. Así mesmo, incidirá na circulación de bens e os movementos de comercio exterior, ámbito no que Galicia presenta unha balanza comercial moi favorable de 1.300 millóns de euros en 2016, logo de que durante o pasado ano se incrementaran as exportacións un 43 por cento, fronte a un descenso tamén do 43 por cento das importacións.
PERMISOS DE RESIDENCIA E PASAPORTES
“Un terceiro piar que se verá afectado polo Brexit serán as persoas, é dicir, os traballadores, estudantes ou familiares de galegos no Reino Unido, que se verán obrigados de novo a utilizar permisos de residencia ou pasaportes”, apuntou Pedro Puy.
Diante desta situación, o portavoz popular amosouse partidario de que os británicos “reconsideren a súa decisión” de saír da Unión Europea, lembrando o pronunciamento neste sentido do ex primeiro ministro laborista Toni Blair, pero ante o avance deste proceso “Galicia debe estar preparada e valorar as consecuencias que esta decisión pode ter nos distintos ámbitos institucionais, financeiros e económicos”.