Santiago, 23 de febreiro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo salientou hoxe no Parlamento que “a incidencia da meninxite B a nivel nacional, e tamén en Galicia, nos últimos anos ten unha tendencia descendente” e lembrou que “neste momento, cos aspectos que coñecemos e na situación epidemiolóxica actual, non se recomenda a vacinación sistemática nun programa poboacional, pero si en grupos de alto risco e situacións especiais”.
Rodríguez-Vispo explicou que “a regulación dos medicamentos depende do Ministerio de Sanidade, pero, aínda así, a Consellería de Sanidade realizou xestións repetidas ante o Ministerio e a empresa titular desta vacina encamiñadas a normalizar a situación e aumentar o número de doses destinadas a Galicia”.
MÁIS DE 95.000 PERSOAS VACINADAS
En concreto, sinalou que durante o pasado ano se administraron en Galicia 144.676 doses a 95.644 persoas, das cales 409 estaban dentro das recomendacións de grupos de risco e recibiron gratuitamente a vacina.
A deputada popular manifestou que “existe un consenso bastante xeneralizado en torno á conveniencia da existencia dun calendario común de vacinación para todo o Estado, acordo que se acadou a nivel do Consello Interterritorial en marzo do ano 2013”, ao tempo que apuntou que “os calendarios non son estáticos e deben adaptarse aos novos coñecementos”.