Santiago, 7 de marzo de 2017.- A portavoz de Deportes do Grupo Popular, Lupe Murillo, avogou hoxe no Parlamento por “non criminalizar o deporte galego”, porque “son moitas as competicións que cada semana se disputan en Galicia e moi poucas as condutas denunciadas como violentas”.
O Grupo Popular apoiou esta tarde no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta a elaboración, dende a Secretaría Xeral para o Deporte, dun informe anual de datos sobre a situación e a existencia de condutas violentas asociadas ao deporte en Galicia, que dea pe a un documento de traballo con propostas de actuacións coa participación das administracións, federacións, clubs, investigadores, formadores e outros axentes do eido deportivo.
TOLERANCIA E IGUALDADE
Lupe Murillo sinalou que “a violencia está instaurada na sociedade en xeral”, pero indicou que “non é especialmente salientable no ámbito deportivo”. Por este motivo, compartiu a necesidade de “facer estudos que se centren nos comportamentos violentos que se rexistren na Comunidade galega”.
“É bo reunirse para sacar conclusións e aportar ideas, estar preto das federacións, dos clubs e deportistas, colaborar con eles para mellorar a formación dos axentes que participan no eido deportivo, e premiar a aqueles que contribúan a fomentar a cultura da tolerancia e da igualdade”, sinalou.
Neste sentido, explicou que de momento non se creou a Comisión galega para o control da violencia, recollida na Lei do deporte galego, porque “Galicia aínda non ten competencias para o mantemento da orde pública”.
Neste sentido, apuntou que “as demais vías vixentes para identificar e sancionar condutas violentas no deporte en Galicia están a amosar a súa efectividade, tanto no ámbito disciplinario como no sancionador no ámbito administrativo deportivo ou na xurisdición penal, no caso de que poidan ser constitutivas de delito ou infracción penal”.