Santiago, 8 de marzo de 2017.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, avogou hoxe polo “traballo conxunto de todas as forzas políticas para a elaboración dun estudo de avaliación do impacto, grao de cumprimento e vixencia do Decreto-Lei que refunde as disposicións legais galegas en materia de igualdade”.
Marián García reiterou na súa intervención a solicitude á deputada de En Marea Carmen Santos dunha desculpa pública polas calumnias vertidas contra todos os membros do Partido Popular nas redes sociais e criticou, logo de que decaera unha iniciativa de En Marea por non estar presentes as súas deputadas, que “para elas sexa máis importante un twit ou unha manifestación que defender no Parlamento de Galicia unha iniciativa sobre a igualdade”.
ACTUACIÓNS CONCRETAS
“Propoñemos un traballo conxunto como se fixo no Pacto galego contra a violencia machista, porque é o único xeito de conseguir un fin que debe unirnos: loitar contra a discriminación e por acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”, apuntou.
Marián García subliñou que desde o actual Goberno galego estase a promover o emprego feminino e a igualdade de xénero con actuacións concretas. Así, lembrou que “desde o ano 2009 o 55 por cento de todas as axudas para incentivación e contratación foron para empregar a mulleres, e no presente ano 2017 segue intensificándose esa discriminación positiva cara o emprego feminino, ao incrementarse un 28 por cento as axudas para as empresas”.
Ademais, manifestou que a Xunta de Galicia desenvolvera neste ano un plan de emprego feminino, “unha folla de ruta clara para favorecer a inserción das mulleres, equilibrar a súa participación en todos os sectores e fomentar a súa carreira profesional”.
A portavoz popular reiterou que “esiximos a práctica tolerancia cero con calquera tipo de violencia e, moi especialmente, en casos de violencia machista rexeitamento total e sen fisuras de condutas sexistas ou de acoso”.