Santiago, 21 de marzo de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou que En Marea “volva traer hoxe ao Pleno demandas en materia de transporte ferroviario que xa están aprobadas neste Parlamento”. “O Goberno galego, no ámbito das súas responsabilidades, seguirá a traballar para que se continúe coa mellora dos servizos ferroviarios dos últimos anos, que se atendan as demandas dos cidadáns e coordinando actuacións naqueles ámbitos de confluencia competencial”, indicou.
Fernández Prado lembrou que subliñou que o Goberno galego “vén mantendo unha actitude vixiante e esixente coa calidade dos servizos ferroviarios na Comunidade galega, buscando a súa mellora continua e solicitando que a oferta de prazas e horarios estea adaptada ás necesidades reais dos cidadáns”.
Respecto da moción defendida por En Marea na sesión plenaria, o portavoz popular asegurou que “practicamente todos os asuntos que incorpora sobre o transporte ferroviario xa viñeron a este pleno ou á Comisión de Infraestruturas, aprobándose proposicións non de lei moito máis concretas, completas e ambiciosas que as xenéricas que inclúen nesta moción”.
En concreto, Martín Fernández lembrou os acordos acadados no Parlamento respecto da mellora da liña Lugo-Monforte-Ourense, a modernización do corredor ferroviario A Coruña-Ferrol ou a conexión entre Vigo e Porto.