Santiago, 23 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe na Comisión de Pesca a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita a Goberno galego que, á vista da situación de risco debida á problemática de abrigo que se produce no porto de Corcubión, afonde e axilice os traballos na procura de solucións para paliar esta inseguridade, ofrecendo aos mariñeiros e ás súas embarcacións un refuxio fiable e adecuado.
Teresa Egerique amosou a disposición da Xunta e do PPdeG “a mellorar e adoptar medidas que melloren o abrigo do porto de Corcubión”. Neste sentido, lembrou que desde Portos de Galicia tense elaborado un estudo de axitación interior no porto, unha instrumentación para medidas de ondaxes e a análise dos datos de dita instrumentación, que supuxo un investimento de 52.000 euros.
“Ata o momento, estes estudos non deron resultados concluíntes, polo que desde o Grupo Popular consideramos que Portos de Galicia debe continuar traballando na procura dunha solución técnica que permita mellorar o abrigo do porto de Corcubión”, sinalou a deputada popular.