Santiago, 23 de marzo de 2017.- A Comisión de investigación sobre as antigas caixas galegas aprobou esta tarde o seu plan de traballo que, sobre a base da proposta realizada polo Grupo Popular, incorpora a práctica totalidade da documentación solicitada polos grupos do PSOE e do BNG e case o 60 por cento de En Marea.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou que a proposta de plan de traballo do PPdeG “axústase ao obxectivo desta comisión de investigación, que non é outro que analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos, co obxecto de rematar os traballos realizados na IX lexislatura”.
En concreto, lembrou que o plan de traballo recolle a transcrición íntegra das 46 comparecencias realizadas na pasada lexislatura, entre as que figuran a do Presidente da Xunta, os conselleiros, directoress xerais, presidentes e ex directores xerais das antigas caixas galegas, o presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, o gobernador do Banco de España, o comisario Almunia, os sindicatos, a Confederación de Empresarios, expertos propostos por todos os grupos ou afectados das preferentes.
Respecto da documentación solicitada, Puy amosou a disposición do Grupo Popular a incorporar toda aquela dos grupos da oposición “que teña que ver coas indemnizacións percibidas polos ex directivos, incluída a do señor José Luís Méndez, e coa venda das caixas”.
Á proposta de plan de traballo realizada polo Grupo Popular, incorporáronse incorporáronse outros 35 documentos solicitados pola oposición: 18 de En Marea, 8 do PSOE (todos os solicitados) e 9 do BNG (de 11 solicitados).
“Contamos cunha inxente documentación na Comisión de Investigación, que non estivo pechada e á que se incorporaron documentos en 2014 ou 2015”, sinalou o portavoz popular, quen amosou a súa sorpresa porque “ningún grupo da oposición pedira a incorporación de toda a documentación existente na pasada lexislatura”.
O portavoz popular criticou aos grupos da oposición por “chegar a conclusións antes de comezar a traballar, partindo cun prexuízo ante determinadas cuestións”.