Santiago, 7 de abril de 2017.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez Domínguez afirmou hoxe que “o Igape está para asumir riscos xunto coas empresas que teñan un plan de viabilidade”. Neste sentido, criticou que os grupos da oposición “utilicen este organismo como arma arroxadiza, cando constantemente instan á Xunta a garantir a continuidade dos postos de traballo de toda canta empresa atravesa un momento de dificultade”.
Sandra Vázquez explicou que “os avais sempre teñen como obxectivo apoiar plans de viabilidade de empresas, facilitando o acceso das mesmas a financiamento bancario que non poderían conseguir sen apoio público”. Así, anotou que “son operacións nas que a Xunta, para tratar de garantir a continuidade das empresas e os empregos asociados, asume riscos, pero faino respectando en todo momento a normativa aplicable”.
INSTRUMENTOS RACIONALIZADOS
“Os instrumentos financeiros públicos están actualmente racionalizados para compaxinar o apoio e o financiamento dos proxectos viables e de interese para Galicia, dentro dunha política de riscos razoables e coa defensa dos recursos públicos”, manifestou a deputada popular, quen engadiu que “estamos nunha liña de mellora continuada e nela queremos continuar compartindo riscos cos empresarios galegos para que invistan e creen emprego en Galicia”.
A deputada popular lembrou que o risco medio de avais concedidos polo anterior Goberno bipartito ascendeu a case 2,4 millóns de euros, fronte a pouco máis de 55.000 euros por operación do actual Goberno galego. “Mudamos a estratexia e apostamos por diversificar os riscos e por conceder máis avais de menor importe a través de programas como Resolve”, apuntou.