Santiago, 28 de abril 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu unha rolda de prensa este venres na que anunciou que aproveitando que a climatoloxía empeza a permitilo, desde o partido comézase a perfilar unha nova rolda de visitas do noso líder a concellos para encontros con veciños, inspirada nos Faladoiros do ano pasado. “O presidente Feijóo sinalou logo das eleccións que a súa promesa de estar a pé de rúa e na meirande parte de concellos de Galicia non era unha simple fase de campaña, senón unha vontade sincera de achegarse a todos os galegos”, destacou.
Do mesmo xeito, Tellado quixo poñer enriba da mesa que a actividade interna do partido nos últimos meses está a ser “moi gratificante”, e avanzou que a vindeira semana se reunirá o Comité de Cidades para afondar na “estreita colaboración” que mantén o partido a nivel autonómico coas agrupacións locais.
“Cremos que alá onde somos oposición, o partido está realizando un traballo encomiable, sereo e construtivo, na medida que os gobernos locais o están permitindo”, apuntou. Así, salientou a necesidade de coñecer de primeira man as impresións dos portavoces e líderes locais para mellorar o traballo colectivo. Ademais lembrou que non só se celebran encontros deste tipo, senón que é o propio secretario xeral o que está a visitar as agrupacións para coñecer de primeira man o seu funcionamento e necesidades.
“REILUSIONAR” A CORUÑA E LUGO
Tamén en clave interna, o número dous dos populares galegos valorou moi positivamente o desenvolvemento do último congreso local na cidade da Coruña e a primeira semana de traballo de Beatriz Mato á fronte do novo proxecto. “Neste caso, o novo comité executivo representa tres das mellores características que pode ter un equipo que se dedique á política: a paixón polo servizo aos seus veciños, a ilusión por cambiar a súa cidade e as ganas de dalo todo por un proxecto de cidade que pague a pena”, recalcou.
Nun sentido similar, agarda que a vindeira cita desta importancia, como é o congreso local de Lugo, sirva tamén para “reilusionar a unha cidade que hoxe se atopa gobernada por unha persoa que non foi votada como alcaldesa por ningún dos seus veciños e que nin sequera ten a lexitimidade de representar á opción política que gañou as eleccións”.
INXURIAS DE CARMELA SILVA
O secretario xeral tamén se quixo referir ás “desafortunadas palabras” de Carmela Silva desta mesma semana, nas que non só inxuriou a todo o Partido Popular, senón que ameazou á portavoz municipal de Vigo, Elena Muñoz, á que instou a que “tenga cuidadito con lo que dice”.
“Sabemos que o macarrismo populista está de moda, e que moitos socialistas se senten atraídos polas ideas e os modos das Mareas de Podemos” subliñou, e engadiu que “sabemos tamén que Abel Caballero e os seus non teñen demasiado sentido do respecto ás institucións que gobernan, e moito menos das que non gobernan”.
Deste xeito, Tellado concluíu a súa intervención lamentando a “longa serie de sucesos” protagonizados pola esquerda que entende que non contribúen a dignificar a vida política de Galicia.