Santiago, 28 de abril de 2017.- A Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se solicita ao Goberno central para que demande das instancias europeas a flexibilización da norma de control de flotas no exterior, de maneira que nos trílogos se reconsidere e se corrixa a dobre sanción que poden padecer os buques europeos en caso de cometer faltas na súa actividade pesqueira.
O portavoz do Mar, Carlos López Crespo, explicou que o regulamento comunitario sobre o control de flotas “atópase en pleno proceso de elaboración en Bruxelas, concretamente na fase de trílogos entre o Parlamento europeo, o Consello de Europa e a Comisión Europea”.
MALESTAR NO SECTOR
“A pretensión de impedir a emisión de autorizacións de pesca durante un ano para aqueles buques que foran sancionados por unha infracción grave nos últimos doce meses polo seu Estado membro, supón unha dobre sanción, posto que a sanción recaída no expediente tamén se tería que cumprir”, sinalou.
Deste xeito, López Crespo puxo de manifesto o malestar existente no sector “porque se pode dar o caso dunha dobre sanción: por un lado, polo Estado membro, neste caso en España, e por outro pola Unión Europea”. “Esta situación implicaría aos afectados deixar de pescar durante 12 meses, algo que sería inviable economicamente para calquera buque”, engadiu.
O portavoz popular manifestou que “o sector considera que se pretende facer unha lei para todos pero sen ter en conta a especificidade das zonas nas que pescan ou dos países de bandeira, xa que cada país ten a súa propia normativa en materia de sancións”. Así, sinalou que “un barco español pode ter unha sanción diferente ao doutro buque de bandeira dun país comunitario ao non ser considerada como grave nunha lexislación e na outra si, co que o castigo por parte da UE tamén sería distinto”.