Santiago, 2 de maio de 2017.- A Comisión 2ª aprobou esta mañá por unanimidade o ditame da proposición de lei de transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 a Galicia. Deste xeito, esta iniciativa lexislativa queda pendente da súa aprobación definitiva polo Pleno para a súa remisión ao Congreso dos Deputados.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, amosou a satisfacción polo voto favorable a esta proposición de lei acadado na Comisión 2ª, “unha cuestión importante e que pode axudar a conseguir a transferencia desta autoestrada no futuro”.
MANTEMOS A POSICIÓN
Porén, alertou que a transferencia da AP-9 “non vai ser unha tramitación fácil” e pediu á oposición que “non enganen aos galegos, porque o traspaso das competencias e da xestión á Xunta non suporá a eliminación das peaxes, pero si xestionalas mellor e cunha política propia que responda aos criterios autonómicos”.
“O Partido Popular somos os únicos que mantivemos no tempo unha coherencia na nosa posición respecto da transferencia da AP-9, tanto se estamos no goberno como na oposición”, salientou Martín Fernández. Neste sentido, indicou que “vimos defendendo desde 2009 este traspaso a Galicia, porque entendemos que é un paso importante e positivo para Galicia e os galegos”.
O portavoz popular destacou o acordo da Xunta co Ministerio de Fomento para a creación dunha comisión bilateral sobre a AP-9, así como que o Goberno central asuma as que as bonificacións das peaxes na Barcala e na Ponte de Rande, “o que supón un aforro anual de 6 millóns de euros para a Xunta, que se poderán destinar a seguir mellorando as infraestruturas viarias en Galicia”.