Santiago, 10 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a planificar actuacións que favorezan o impulso dun Hub de gas natural licuado (GNL) e que Reganosa adapte as súas infraestruturas e despregue as instalacións que fosen necesarias para conseguir o desenvolvemento loxístico e comercial que permita aos portos galegos prestar servizos de abastecemento small scale e bunkering de GNL.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, cualificou a Reganosa como “unha infraestrutura enerxética estratéxica” para a economía galega. Así, lembrou que hoxe en día a planta aporta á zona 100 empregos directos, 150 indirectos e abastece a outras factorías que suman ata 15.000 postos de traballo.
NADO EN 2013
Tellado explicou que, logo de anos de actividade, xorde en 2013 o proxecto “Hub de GNL no Noroeste da Península Ibérica”, promovido pola Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Navantia e Reganosa. Está apoiado e financiado pola Comisión Europea no marco do programa TEN-T.
Segundo apuntou, na actualidade Reganosa xa conta co deseño dos medios, infraestruturas e procedementos necesarios para subministrar GNL como combustible tanto a buques que naveguen polo corredor Atlántico, como a plantas satélites nos portos e costas próximas.
TRANSPORTE SUSTENTABLE E EFICIENTE
Por tanto, o obxectivo desta iniciativa é o establecemento dun “hub” de GNL no Noroeste da Península Ibérica para contribuír ao desenvolvemento dun transporte sustentable e eficiente a través do uso de GNL como combustible, “que sen dúbida contribuirá á mellora ambiental e económica en Europa do transporte”.
O Grupo Popular propuxo ao Grupo Socialista aceptar unha parte da súa emenda, encamiñada a garantir a seguridade medioambiental e laboral nas futuras actuacións de Reganosa, pero os socialistas negáronse a aceptar a súas propias propostas.