Santiago, 1 de setembro de 2017.- O voceiro popular no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, indicou hoxe na súa intervención na Mesa sobre “O PP fronte ao reto demográfico” na XXII Interparlamentaria que o PP está a celebrar en Valencia , que o problema demográfico é preciso atacalo e resolvelo “como estamos facendo, non só con axudas públicas, senón tamén desde a unidade e a concienciación da súa gravidade”.
Pedro Puy agradeceu a sensibilidade do PP por introducir o tema demográfico xa que “o primeiro é ter consciencia do problema, como fixemos en Galicia, para tratar de buscar solucións e facelo desde unha perspectiva global, xa que non se trata dun problema específico dun territorio”. Así, indicou, desde o PP “promovemos un foro de rexións a nivel español, un pacto demográfico, unha Comisionada do Goberno para o Reto Demográfico e unha red de dinamización de rexións europeas e macroeurorrexión, xunto con Portugal, amosando que se trata dun tema dunha absoluta prioridade”.
O voceiro popular sinalou que “a taxa de fertilidade en España é do 1,33, do 1,59 de media na Unión Europea e de 1,07 en Galicia, o que amosa que estamos entre as comunidades con menor natalidade e peor progresión demográfico”. Puy destacou que “a nosa preocupación tamén radica en que a demografía é por si mesma un factor de crecemento e desenrolo económico e se engadimos o envellecemento e o incremento dos costes sociais, temos un cóctel complicado que conlevará problemas de sostenibilidade nos servizos públicos e na xestión con eficiencia”.
Na súa intervención, Pedro Puy recordou que nunha enquisa, realizada pola Xunta de Galicia no ano 2011, xa se destacaba que tan só o 18% dos galegos consideraban a demografía coma un problema “pero temos que ser conscientes de que nos anos 80 nacían 40.000 persoas e hoxe o fan 20.000, e se engadimos os movementos migratorios dos anos 60 e os fluxos contraditorios dos xovenes que emigraron polo boom inmobiliario e que teñen retornado, enténdese que en Galicia a situación demográfica é tremenda”.
PRIORIDADE PARA A XUNTA
O voceiro popular indicou na súa intervención que o Goberno do PP na Xunta de Galicia, consciente do problema dende o primeiro momento, situou a cuestión demográfica entre as súas prioridades. Deste xeito “as persoas que desexan ter fillos teñen o apoio da Administración autonómica que está a traballar no apoio e axudas ao retorno de emigrantes, sobre todo de Venezuela pola situación que está a vivir o país, e introducindo axudas fiscais no IRPF que se foron ampliando conforme a situación financeira mellorou”.
Así mesmo, destacou as axudas para material e comedores escolares, a Tarxeta Benvida ou axudas económicas ás familias e a conciliación como as prazas nas escolas públicas infantís, que no 2009 eran o 21%, mentres a Unión Europea recomenda o 33%, e en Galicia na actualidade conta co 38%, así como medidas de conciliación na Administración pública.