Santiago, 12 de setembro de 2017.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, garantiu esta tarde no Parlamento a calidade do ensino no rural galego, tanto a nivel orzamentario como de dotación de servizos e de profesionais, adaptándoo ás características poboacionais do territorio.
César Fernández criticou a “táctica habitual” dos grupos da oposición de “xerar alarma sobre a desaparición do ensino no rural”. “Fronte a estas ameazas, a Xunta está a facer un importante esforzo para apoiar aos centros educativos do rural, tanto a través do impulso de plans novidosos específicos, como dos programas de linguas estranxeiras ou favorecendo a súa participación nas estratexias de implantación de novas tecnoloxías”, indicou.
CRITERIO FIXO, OBXECTIVO E COÑECIDO
Así mesmo, Fernández explicou que para o peche de escolas unitarias “séguese un criterio fixo, obxectivo e coñecido por todos, que implica a supresión daquelas que conten con cinco ou menos alumnos”. “Tanto o agrupamento de estudantes como o peche de unitarias por falta de alumnos non son medidas exclusivas do Goberno do Partido Popular, senón que tamén foron adoptadas no seu momento polo Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas, que chegaron a pechar 28 unitarias en 2006 fronte ás 9 que se pechan neste curso”, apuntou.
NOVO PACTO DE ESTADO
Respecto da reestruturación de centros de ensino en Galicia, César Fernández lembrou que “nos atopamos nun contexto de negociación dun Pacto de Estado pola Educación”, polo que avogou por “agardar a que se resolva este proceso para poder acometer medidas de reestruturación na rede de centros”.
Neste sentido, sinalou que a rede de centros “non obedece a unha realidade estática, senón que debe ser permeable á realidade social de Galicia e adaptarse ás novas necesidades par mellorar a oferta educativa”.