Santiago, 15 de setembro de 2017.- O portavoz do Medio Rural, José González Vázquez, criticou hoxe á oposición “por non recoñecer o traballo serio, rigoroso e constante que levou adiante desde o mes de abril a Xunta de Galicia para facerlle fronte aos danos causados polas xeadas, o pedrazo e a seca no agro galego”.
José González lembrou que “este ano foi moi duro para o noso campo desde o punto de vista da climatoloxía, polo que é moi importante o traballo realizado desde a Consellería do Medio Rural para concienciar aos nosos agricultores da necesidade de ter asegurados os seus cultivos”.
REUNIÓNS CO SECTOR
Neste sentido, dixo que a Consellería xa convocou no mes de maio a Comisión Territorial de Seguros Agrarios para abordar a evolución dos seguros no sector vitivinícola e, en xeral, todo o relacionado co aseguramento en Galicia. Entre as medidas acordadas, figuraba a creación dun grupo de traballo, no que participaban os consellos reguladores e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, co obxectivo de seguir mellorando as pólizas e aumentar a súa aceptación por parte dos produtores.
“As cinco denominacións de orixe fixeron as súas propostas para actualizar a liña de subvencións na campaña 2017-18, que se enviaron á Entidade estatal de seguros agrarios (Enesa), que procedeu a actualizar os prezos da maioría das variedades nestas denominacións de orixe”, sinalou o portavoz popular.
Así mesmo, González Vázquez recordou que a Consellería publicou o pasado 12 de maio no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade galega e se convocan para o ano 2017. En concreto, na exposición de motivos recóllese a necesidade de avanzar no perfeccionamento técnico das diferentes liñas de aseguramento, traballando especialmente en consolidar e completar os procesos de deseño das liñas, favorecendo a súa adaptación ás condicións reais do cultivo; ás características do risco; ao destino das producións; ao tamaño e estrutura da explotación; ás técnicas de prevención do risco; e aos resultados actuariais do aseguramento.
ESFORZO DA XUNTA
“A Xunta realizou un gran esforzo para compensar a baixada de dez puntos do Goberno central no apoio á contratación de seguros agrarios para o 2017, aumentando o aporte que se fai ás distintas liñas de seguros agrarios”, subliñou José González.
A Consellería do Medio Rural destinará este ano 4,7 millóns de euros para subvencións á contratación de seguros, que agora calcularanse sobre a prima base e deixarán de estar vinculadas á subvención da Enesa.