Santiago, 26 de setembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique afirmou hoxe no Parlamento que “os veciños de Cabral, os veciños de Vigo e o Concello serán quen determinen no novo planeamento urbanístico municipal as superficies comerciais. Así mesmo, criticou que o BNG “intente suplir a súa falta de representación municipal con iniciativas parlamentarias que van contra a autonomía municipal para desenvolver o seu urbanismo”.
Teresa Egerique lembrou que “foi un goberno do BNG no Concello de Vigo quen en 2008 deseñou un plan xeral que recollía un área comercial no ámbito de Liñeiriños”. “Ben curioso é que hoxe cambien radicalmente de opinión e non só estea en contra desta superficie comercial, senón que pida unha moratoria para a construción de superficies comerciais en Vigo”, criticou sobre a proposta nacionalista debatida hoxe no Parlamento.
Así mesmo, a deputada popular manifestou que na actualidade “é o Partido Socialista quen ten que definir o urbanismo que queren para o concello de Vigo”, polo que demandou directamente “ao alcalde e a señora Caride para que se poñan as pilas e traballen para o desenvolvemento urbanístico desta cidade”.
“Non boten a culpa ao PP ou a Xunta das responsabilidades que teñen socialistas e nacionalistas na actual situación urbanística de Vigo, porque foi o BNG en 2008 quen determinou estas superficies comerciais e o PSOE na actualidade o que ten que traballar para definir a cidade que quere”, sinalou.