Braga, 27 de setembro de 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participu hoxe nun mitin para apoiar ao aspirante á Alcaldía de Braga, Ricardo Rio, ao que cualificou como “o mellor candidato para que Braga siga avanzando”. “Non é só o mellor parceiro dos galegos para que os nosos pobos sigan crecendo da man. É o mellor parceiro dos bracarenses para que a vosa cidade siga sendo un gran espello no que mirarse”, remarcou.
“Confío na responsabilidade e na sabedoría política dos bracarenses”, apuntou antes de asegurar que está convencido de que “Ricardo Rio será o presidente da Cámara de Braga durante os vindeiros catro anos”.
O líder do PPdeG tamén manifestou que os galegos temos moitos puntos en común co noso “país irmán” . Segundo precisou, eses vínculos culturais, económicos, educativos, e políticos serven como base para o labor conxunto que se desenvolve no seo da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.
“Galicia pode admirar moito de Portugal”, aseverou Feijóo salientando o “magnífico traballo” que realizan en Braga os científicos españois e portugueses do Laboratorio ibérico internacional de nanotecnoloxía, cuxas investigacións poden converter a Eurorrexión en referencia mundial nese campo.
Do mesmo xeito, sinalou que a nosa Comunidade tamén pode admirar do país veciño un sistema electoral municipal que garante que o candidato máis votado sexa o presidente da Cámara, definíndoo como “admirable” xa que permite garantir que “o seu municipio tome sempre o rumbo que a maioría decide”.
BRAGA, CIDADE EXEMPLAR
“O tempo novo que Ricardo Rio prometeu traer a Braga xa é hoxe unha realidade”, destacou o líder dos populares galegos namentres apuntaba que na actualidade esta urbe portuguesa é máis transparente, máis innovadora, máis respectuosa co seu patrimonio e a súa cultura, máis próspera, e gobernada con honestidade e credibilidade. “Hoxe Braga é unha cidade mellor”, insistiu mentres precisaba que “se é a cidade con máis mozos de Portugal é porque aquí a xente nova ten oportunidades”.
Así mesmo, Feijóo lembrou que, nos últimos anos, “Braga gañou en calidade de vida e os bracarenses gañaron en ilusión”. De feito, é a terceira mellor urbe de Europa para vivir segundo o Eurobarómetro. Por ese motivo, o presidente do PPdeG pediu aos veciños que volvan confiar de novo en Rio o vindeiro domingo xa que non é doado ter un alcalde “traballador, dialogante e con ideas”.