Santiago, 29 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, solicitar á Xunta o incremento do número de colexios nas catro provincias galegas aos que vai dirixido o programa de cooperación europeo CinED, a través do que os mozos de entre 6 e 19 anos descobren a riqueza do cine europeo de autor.
O proxecto CinED permite o acceso, de xeito gratuíto, a unha colección de grandes películas europeas para ser proxectadas exclusivamente en sesións educativas e sen finalidade comercial. Cada película, ademais vai acompañada de materiais pedagóxicos específicos que proporcionan as ferramentas necesarias para o descubrimento activo, creativo e reflexivo do cine.
DOBRE OBXECTIVO
En concreto, a deputada popular Teresa Egerique explicou que este programa “responde a un dobre obxectivo: por unha parte, espertar o interese polo cine e a capacidade de reflexión sobre as imaxes; e, por outra, propoñer pistas para abordar de forma transversal outros contidos curriculares, así como para coñecer e traballar as linguas europeas”.
Egerique subliñou que “para reforzar o traballo proposto a través dos materiais pedagóxicos, organízanse formacións específicas para o profesorado, de xeito que coñezan ben as películas que se proxectas”.
“O obxectivo é aumentar a participación de Galicia neste programa, no que tamén están presentes mozos de Andalucía, Asturias, Cataluña, A Rioxa, Madrid e o País Vasco”, sinalou a deputada popular, quen considerou o programa “unha oportunidade e unha riqueza enorme para debater e aprender sobre cine europeo, espertar vocacións e fomentar a creatividade”.