Santiago, 29 de setembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a actualizar e simplificar, coa incorporación das novas tecnoloxías, o proceso de homologación de títulos non universitarios para o alumnado estranxeiro que quere realizar estudos na Comunidade galega.
O deputado popular Moisés Rodríguez lembrou que a Xunta de Galicia asumiu a competencia de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias a través do decreto 208/2008. “Unha vez asumida a competencia, a Consellería de Educación dispuxo a organización das distintas unidades xestoras para, seguindo o procedemento regulamentario, resolver todas as solicitudes que se recibiron e atender ao público facilitando información detallada en todas as consultas formuladas polas persoas interesadas”, concretou.
MÁIS DE 11.000 CREDENCIAIS
“Ata o día de hoxe, tramitáronse un total de 12.769 solicitudes de homologación de estudos estranxeiros, dos que se resolveron e expediron 11.065 credenciais de recoñecemento”, sinalou o deputado popular. Ademais, indicou que se recibiron solicitudes de homologación de estudos educativos de 109 países, sendo o colectivo máis numeroso o relativo a sistemas educativos de América.
Moisés Rodríguez sinalou que “para xestionar estes expedientes emprégase unha ferramenta informática cedida polo Goberno central coa transferencia e que foi adaptándose ás necesidades da Administración galega, pero que na actualidade quedou obsoleta e xa non cumpre os requirimentos da nova administración electrónica”.
Deste xeito, a proposición non de lei considera necesario o desenvolvemento e implementación dunha nova aplicación informática para o desenvolvemento destes expedientes, permitindo unha mellor relación entre os distintos esquemas de datos da Xunta e o Goberno central.