Santiago, 23 de novembro de 2017.- A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero, afirmou esta tarde no Parlamento que o sector turístico, “polo de agora, non transmitiu incidencias salientables no referido a danos a establecementos nin inquedanzas específicas polo grao en que puidera ter incidido a vaga de incendios”.
Cristina Romero salientou que “o Goberno galego está a traballar para reparar os danos materiais causados por mor da vaga incendiaria provocada o pasado mes de outubro”. Neste sentido, lembrou que o decreto de medidas urxentes aprobado o pasado 19 de outubro recolle medidas de axuda en réxime de concorrencia non competitiva de ata un millón de euros para a reposición por parte dos concellos da sinalización turística afectada polo lume e para a reparación dos danos nos establecementos turísticos afectados.
Á ESPERA DAS ENQUISAS
“Neste momento, nin os xeodestinos, nin os concellos nin o resto de administracións coas que colabora Turismo de Galicia teñen expresado situacións de particular necesidade motivadas pola vaga de lumes do mes de outubro”, indicou Romero.
Neste sentido, a portavoz popular engadiu que “aínda é pronto para avaliar unha posible influencia directa na conxuntura turística, pois estamos á espera do que nos indiquen as enquisas oficiais”. “Unha vez analizados estes datos, o Goberno galego seguirá xunto ao sector disposto a implementar as medidas que foran consideradas necesarias, como xa se fixo coa convocatoria das axudas urxentes”, indicou.