Santiago, 13 de decembro de 2017.- O Grupo Popular acordou hoxe cos grupos parlamentarios de En Marea, PSOE e BNG que a Comisión de estudo sobre reformas da política forestal e de prevención e extinción de incendios forestais remate os seus traballos o antes posible e, en todo caso, antes de que remate o ano 2018.
No debate das normas de funcionamento, que foron aprobadas sen votos en contra da oposición, o portavoz do Medio Rural, José González Vázquez, apelou aos grupos da oposición “para que afrontemos os traballos desta Comisión coa finalidade última de acadar acordos de país para o noso monte, e sexamos quen de configurar un modelo de monte multifuncional, vivo, sustentable e que proporcione rendibilidade económica aos seus propietarios”.
AXILIDADE E CELERIDADE
José González lembrou que a creación desta Comisión de estudo foi proposta polo Presidente da Xunta na súa comparecencia no Parlamento do pasado 7 de novembro. Neste sentido, salientou “a axilidade e máxima celeridade coa que se está traballando”, logo de que no día de hoxe se aprobaran as normas de funcionamento e xa estea convocada para o vindeiro 27 de decembro unha nova sesión da Comisión para a aprobación do Plan de Traballo.
Na súa intervención, o portavoz popular reiterou “a nosa vontade de cambiar as cousas no eido da prevención, da ordenación e da dinamización do noso monte” e avanzou a disposición de “traballar conxuntamente coa oposición para buscar un acordo de país sobre a política forestal que blinde unidade de criterio e unidade de acción”.