Cambados, 14 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo un goberno resolutivo que non cree problemas de bloqueos e divisións. “Este pobo non precisa de salvadores, senón de servidores que estean ao seu carón, que crean nel, que estean ao que teñen que estar e que se dediquen ao que teñen que facer, que é gobernar”, afirmou.
Feijóo concretou hoxe en Cambados que a súa proposta para o día despois das eleccións galegas é que “Galicia non quede atascada como está España nestes momentos; que haxa días nos que o país avanza; que conservemos o bo que temos, como a unidade, a estabilidade e a responsabilidade, para acadar o que aínda non obtivemos; e que o Goberno non poña atrancos, senón que apoie a todos os galegos”.
XUNTOS
Neste sentido, salientou que “xuntos acadamos que Galicia pasara de decrecer a crecer; pasamos de destruír emprego a crealo; conseguimos estar á cabeza do cumprimento das obrigas de déficit e ao tempo á cabeza do investimento de todas as comunidades en España; renovamos a sanidade pública non só con novas instalacións, senón tamén con nova tecnoloxía para un mellor servizo; ou ampliamos as prazas públicas de residencias e centros de día”.
“Quero un pobo unido e pido o voto dunha maioría que quere estabilidade, responsabilidade e moderación, porque o que quero é estar co meu pobo e so quero deberme a quen teño que deberme: Galicia”, apuntou.
EN GALICIA, ELECCIÓNS PORQUE TOCAN
Na súa intervención, Feijóo sinalou que “Galicia ten eleccións porque tocan, porque aquí houbo un goberno que durante catro anos cumpriu co seu deber e houbo a estabilidade que non hai na maior parte de España e unha lexislatura como debería ter sido a de España”. Deste xeito, apuntou que a partir do 25 de setembro, “se os galegos queren, Galicia continuará con normalidade, estabilidade e avanzando; non estará en funcións nin un minuto; e terá un goberno cumprindo co seu deber, sen bloqueos, vetos, parálises e demoras”.
Deste xeito, pediu a todos os galegos que o 25 de setembro “vaiamos a votar porque, por máis que nos produza cansanzo unha nova campaña electoral, temos a enerxía de crer neste país, de dicir que somos unha excepción para ben, de que sabemos que é importante para a xente que queremos e porque é importante para o que nos une a todos: Galicia”.
HONRA E RESPONSABILIDADE DE PRESIDIR GALICIA
“Sei o que é presidir Galicia: é unha honra inmensa, pero sobre todo é unha responsabilidade inigualable”, afirmou o Presidente do PPdeG. Por este motivo, asegurou que “non entendo nin comparto que un poda aspirar a facelo provocando novos problemas ao país, en lugar de buscar solucións”. “Eu me presento para seguir axudando a que se resolvan os problemas que aínda están pendentes e que xuntos poidamos poñernos novas metas”, sinalou.
Feijóo lembrou que estes últimos anos “non foron fáciles para moitas familias, que tiveron que esperar moito para poder mellorar a súa situación, e seguen a ser difíciles para todos eses galegos que aínda esperan pola súa oportunidade”. “Tampouco foron fáciles para gobernar: con menos orzamento que nunca houbo que afrontar máis problemas que nunca, e moitas veces contra a nosa vontade tivemos que dicir que non para algún día poder chegar a dicir todos xuntos que si”, subliñou.
“Despois de todo ese esforzo conxunto, as galegas e os galegos podemos dicir tamén ao unísono que en Galicia si hai un horizonte máis despexado, hai agora menos problemas dos que había e máis recursos para afrontar os retos; e nos sentimos capaces de poder axudar a todos eses galegos e galegas que aínda non perciben esta mellora”, manifestou.
FEITOS PARA APOIAR O QUE COMPROMETO
O Presidente do PPdeG asegurou que “non estaría aquí se non tivera feitos para apoiar o que me comprometo a facer no futuro”, porque “podo presentar un balance que non é froito dun traballo individual, senón do esforzo colectivo de Galicia que logrou mellorar a situación; e teño un proxecto no que se pode reflectir a maioría das galegas e galegos e a experiencia de que cumpro os meus compromisos”.
Ademais, engadiu que “non estaría aquí se tivera que deberme a alguén do meu partido que me puxo de candidato antes que deberme a todos os galegos; se tivera que andar perdendo o tempo en líos do partido en lugar de estar atendendo ao pobo ao que me debo; ou se non puidera dicir que podo facer ao día seguinte das eleccións”.
“Non estaría aquí se tivera que pedir o voto sen saber e sen poder nin querer dicir en que goberno acabaría esa confianza que pido”, concretou Feijóo, quen afirmou que “pido o voto para o goberno dunha gran maioría, para a unidade, a estabilidade e responsabilidade; para un pacto coas galegas e os galegos; e para servir a Galicia”.