Santiago, 2 de decembro de 2016.- O Grupo Popular volveu amosar este venres na Comisión 6ª do Parlamento o seu compromiso firme co mantemento dos postos de traballo e a actividade industrial na empresa Ferroatlántica. O voceiro de Industria, Miguel Tellado, lembroulle aos grupos da oposición que hai un acordo en vigor acadado por unanimidade na Cámara a pasada lexislatura en relación á non segregación das actividades hidroeléctricas e ferroalixes das factorías de Cee e Dumbría. Malia iso, os populares accederon a votar a favor das propostas do BNG e En Marea, “para que non quede dúbida do noso posicionamento”.
Tellado recordou que o Grupo Popular foi o primeiro en levar a Pleno unha iniciativa en defensa do futuro de Ferroatlántica, e advertiulle aos grupos de oposición que “en materia de emprego, non admitiremos leccións de partidos que queren pechar empresas como Reganosa, Ence, ou se manifestan en contra da ampliación de PSA-Peugeot Citröen”.
SEN NOVIDADE DESDE A PNL APROBADA NO PLENO
Ademais de valorar que “non houbo ningunha novidade” desde a aprobación da proposición non de lei que o Grupo Popular levou ao último pleno, Tellado sinalou que o Goberno galego se mantén en contacto constante tanto co Comité de Empresa como cos alcaldes da zona.
De feito, e como o propio voceiro do PSdeG recoñeceu na súa intervención, a xuntanza do presidente da Xunta cos rexedores da Costa da Morte da semana pasada resultou “tranquilizadora” para todos os actores sociais implicados, e resultou co levantamento do encerro no Concello de Cee que mantiñan os traballadores.
Neste mesmo sentido, Tellado reprochoulle ao BNG que se atope “centrado en crispar e tensionar un conflito” para xerar alarma social na zona e intentar tirar rédito político das posibles incertezas dos habitantes da zona.