Santiago, 20 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Aurelio Núñez Centeno cualificou hoxe os orzamentos da Deputación Provincial de A Coruña de “pouco ambiciosos, cómodos e conformistas”, que “cun descenso das partidas para o beneficio dos cidadáns pero en claro avance para o PSOE e BNG, os grupos políticos que manexan o organismo”. Así mesmo, criticou “a pouca vontade de diálogo” amosada polo goberno da Deputación, polo que demandou que “retomen o consenso e negocien co grupo maioritario do PP”.
Aurelio Núñez explicou que as contas da Deputación de A Coruña para 2017 “conxeláronse, ao incrementarse unicamente o 0,52 por cento”. Nese sentido, considerou “curioso que os grupos da oposición vexan ridículo un incremento dos orzamentos da Xunta do 3 por cento e vexan magnífico este incremento mínimo, pasota e pasivo na Deputación coruñesa”.
MENOS RECURSOS PARA OS CONCELLOS
“Gastan moito máis no goberno da Deputación e moito menos nas necesidades dos concellos”, sinalou o deputado popular. En concreto, lembrou que o capítulo de investimentos redúcese en máis de 4,5 millóns de euros; as transferencias aos concellos en 762.000 euros; os gastos para conservación e mantemento de vías e obras provinciais en 1,6 millóns de euros; o investimento para cultura e deportes nun 15 por cento; e a partida de acción social nun 17,92 por cento, especialmente o destinado a políticas de igualdade, que pasa de 1,3 millóns a 673.000 euros.
Núñez Centeno referiuse expresamente ao novo plan único POS-Plus, que aglutina os antigos POS, PAS e PAI. “Este plan baleira de contido político en exceso a capacidade de actuación da Deputación e dota de menos recursos económicos aos concellos da provincia, xa que pasa dun investimento conxunto dos tres plans antigos de 78 millóns aos 74 millóns d euros do novo plan único”, explicou.
Así mesmo, o deputado popular cualificou de “conto da leiteira” o anuncio de que o POS-Plus se incrementará sensiblemente, porque “a día de hoxe non deixan de ser boas palabras que non se reflicten no papel”.
NEGOCIE CO PARTIDO POPULAR
Aurelio Núñez demandou ao presidente da Deputación coruñesa que “retome o espírito de diálogo e de consenso” no organismo provincial. “Faga valer as súas ideas, non se deixe malaconsellar e ser refén da vicepresidenta do BNG, e negocie co Partido Popular para recuperar ese consenso que imperou nos últimos anos”, indicou.
Para rematar, o deputado popular demandou que as contas da Deputación Provincial “deben seguir na liña do rigor e de control do gasto da anterior corporación provincial do PP”, que deixou unha institución saneada logo de amortizar unha débeda que superaba os 90 millóns de euros no ano 2011.