Santiago, 27 de decembro de 2016.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe no Parlamento que “a modificación e actualización da Lei de prevención do consumo de alcohol en menores é un compromiso que figuraba no programa electoral do PPdeG, polo que imos instar ao Goberno a cumprilo”.
Aurelio Núñez concretou que esta nova normativa incluirá a regulación do consumo na vía pública, a restrición efectiva do acceso de menores de idade ás bebidas alcohólicas e a desnormalización da tolerancia ao consumo.
CONSECUENCIAS NO FUTURO
“O abuso de alcohol non é un problema exclusivo dos menores, ou de mozos e mozas, pero si ten consecuencias para o seu desenvolvemento futuro moi superiores ás dos adultos a nivel de saúde, de estudos, de comportamentos, así como con consecuencias visibles e negativas para a súa saúde física, psíquica e social”, indicou.
Deste xeito, Núñez Centeno sinalou que “o consumo de alcohol en menores ten unha problemática propia e entidade suficiente para que mereza unha lei e unhas medidas diferenciadas”. “O consumo de alcohol en menores é un problema específico e moi importante, no que deben interactuar moitos ámbitos como a familia, a educación, a sanidade, a publicidade ou as propias administracións públicas”, apuntou.
O portavoz popular manifestou que adoptar medidas contra o consumo de alcohol “non é criminalizar á mocidade, senón pelexar contra modos de comportamento moi prexudiciais para a súa saúde, a convivencia e as futuras actitudes cara ao alcohol dos nosos mozos e mozas”. En concreto, dixo que “é grave a intoxicación aguda con resultado de coma e inclusive morte, pero tamén o é a afectación multiorgánica que está cientificamente comprobado que produce a toma masiva de bebidas alcoholicas en días illados, ademais do feito de que un menor que consume ten mais probabilidades de ser un adulto que consume”.