Santiago, 27 de decembro de 2016.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, afirmou hoxe no Parlamento que a lingua “en ningún caso debe ser motivo de confrontación, de imposición ou de separación, senón de unión e de traballo conxunto”. “É o momento de traballar en serio por esa Galicia e esa lingua que todos queremos de maneira responsable”, subliñou referíndose aos grupos da oposición.
“É absurdo seguir intentando convencer que o Partido Popular é o inimigo principal do noso idioma, porque ninguén entendería que o partido político maioritario en Galicia, nado en Galicia e onde a súa gran maioría de simpatizantes son galegofalantes, vai a ir en contra da súa propia natureza”, manifestou o portavoz popular.
APROPIACIÓN POLÍTICA
Deste xeito, engadiu que “en ningún caso imos a permitir a apropiación política por parte de ningún grupo dun elemento de identidade propio como é a nosa lingua”, indicou César Fernández, ante o que sinalou que “demonizarnos desa maneira é unha batalla perdida e á vista está despois dos resultados nas eleccións galegas do pasado 25 de setembro”. “Foron os galegos e galegas os que elixiron, tanto en 2009, como en 2012 e no 2016, esta forma de actuar con respecto ao uso das dúas linguas oficiais no sistema educativo: equilibrio, non confrontación, liberdade e sentido común”, afirmou.
O portavoz popular lembrou que a política lingüística da Xunta “foi o resultado dun proceso de escoitar á sociedade e decidir”. “Froito dese período de escoitas, a Xunta presentou un decreto cuxas claves fundamentais son o máximo equilibrio entre as linguas oficiais, o galego e o castelán, en todas as etapas educativas; a aposta por un plurilingüismo efectivo coa posibilidade de que os centros poidan chegar ata un terzo do seu horario lectivo semanal impartido en lingua estranxeira; e o compromiso co fomento do galego”, concretou.