Iniciativa sobre as medidas a adoptar en relación coa creación dunha fundación de investigación agraria aplicada de Galicia sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne
Un dos retos da Galicia da próxima década é a introdución da innovación e da transformación tecnolóxica tanto nos servizos públicos como nos sectores económicos.
As empresas existentes e as que xurdan deberán desenvolver a súa actividade partindo da base dun ecosistema dixital e innovados do que tamén deben tomar parte os organismos públicos de investigación.
No caso do sector primario, a súa aposta pola calidade diferencia dos produtos galegos debe sustentarse tamén nun traballo de investigación e innovación sobre o desenvolvemento das súas propiedades.
Con este obxectivo en mente, o Partido Popular de Galicia introduciu no seu programa electoral para a lexislatura 2020-2024 unha proposta para a creación dunha ferramenta estratéxica de mellora da competitividade e a sustentabilidade do sector agrogandeiro, industrial agroalimentario, forestal e vitivinícola que contribúa á conservación do medio ambiente no reto da potenciación dunha economía circular.
Propúxose a creación dunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada aproveitando o potencial da arquitectura en I+D+i xa existente en Galicia, co fin de integrar todo nunha estrutura única, diversificada, especializada e con presenza nos diferentes territorios e zonas da nosa comunidade.
Unha Fundación que deberá acometer a actualización estrutural e o desenvolvemento funcional dos nosos centros de investigación ao tempo que o impulso para a implantación de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agrícola, forestal, vitivinícola e agroalimentario.
Esta proposta foi, deste xeito, incluída no programa electoral que foi avalado pola maioría dos votantes galegos nas pasadas eleccións autonómicas pero desde o Grupo Parlamentario Popular consideramos de interese sometela a debate deste Parlamento antes de implementala para poder recoller as achegas dos restantes grupos e sacar adiante este proxecto co maior respaldo político posible.
Polo exposto, os deputados e deputadas asinantes presentan a seguinte
Proposición non de Lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a crear unha Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros de investigación da Consellería do Medio Rural e a desenvolver un plan estratéxico da mesma”.
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000027