Iniciativa sobre as actuacións para seguir avanzando no estudo e na posta en valor do castro de Santa María de Cervantes e da súa contorna, na provincia de Lugo
A provincia de Lugo conta con máis dun milleiro de xacementos arqueolóxicos castrenses, que dan mostra do rico patrimonio histórico e cultural que atesoura. 140 deles están na comarca dos Ancares entre os que destaca, pola súa singularidade, o castro de Santa María de Cervantes.
Trátase dunha preza crave para comprender a transición ao mundo romano, e posiblemente un dos bens patrimoniais de maior valor histórico da comarca. Situado na parroquia de Santa Maria, nun val de montaña, calcúlase que estivo habitado no ano 50 a. C e o século II, nun período de transición entre a época prerromana e romana.
Tendo en conta todas estas características, o dia 10 de outubro deste ano, a Xunta de Galicia declara o Castro de Santa María de Cervantes Ben de Interese Cultural (BIC). Esta distinción inclúe ademais a inscrición no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia de varios dos seus elementos integrantes, como a igrexa, a casa reitoral, as minas romanas de Ribadón e Viña da Moura e a Cea do Río.
Convértese no terceiro castro catalogado como BIC na provincia de Lugo .
Nos anos 1995, 1996 e 1999 levaron a cabo no xacemento diferentes intervencións arqueolóxicas que sacaron á luz ata 26 vivendas de uso doméstico, separadas por pequenas rúas, canles de desaugadoiro, escaleiras e pequenas despensas de pedra.
Tamén apareceron na zona outros obxectos como muíños de man, moedas romanas, follas de coitelos, machadas ou restos cerámicos, entre outros elementos.
Esta zona arqueolóxica ocupa unha superficie de 56.615 metros cadrados, aínda que a área de protección será de 566.385.
Estímase que aínda queda máis da metade do xacemento por descubrir.
É polo que, os deputados e deputadas asinantes formulamos a seguinte pregunta oral en comisión:
Que xestións ten previsto facer a Consellería de Cultura e Turismo co obxecto de avaliar as actuacións a realizar para seguir avanzando no estudo e posta en valor do Castro de Santa María de Cervantes (Lugo) e da súa contorna obxecto de protección?
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/POC-000176