Santiago, 8 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Martín Fernández Prado asegurou hoxe que a conexión de autobús entre Vila de Cruces e A Coruña, co percorrido que estaba establecido ata o de agora, estará operativo ata o vindeiro mes de xaneiro, momento no que entrarán en servizo os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia.
“A partir de aí, no só se seguirá mantendo a conexión entre Vila de Cruces e A Coruña, senón que esta se verá mellorada, tanto en frecuencias como en tempos de percorrido”, afirmou.
Martín Fernández lembrou que “a meirande parte dos usuarios emprega esta liña para cubrir traxectos intermedios entre localidades e non para facer o percorrido completo”. A pesar diso, garantiu que se manterá a liña Vila de Cruces-A Coruña cunha expedición de ida, a primeira hora da mañá, e outra de volta, á tarde, de luns a venres.
“Farase un único transbordo en Boimorto, perfectamente coordinado, que permitirá, ademais, reducir a duración da viaxe en case 15 minutos en sentido ida e 30 minutos na volta”, indicou.
CONEXIÓNS
Ademais, indicou que se establecerá unha conexión directa entre Mesía e A Coruña, con entrada ata Entrexardíns, aumentando o número de expedicións ao pasar dunha ida e volta por xornada a dúas: unha directa e outra facendo transbordo en Moutouto en horario coordinado. “A posta en marcha da liña Mesía-Montouto-Carral permite unha conexión transversal entre estes tres concellos, así como o acceso, a través do transbordo en Carral, a un amplo número de expedicións que existen cara á Coruña”, apuntou.
O deputado popular engadiu que “tamén se prolongará a liña A Coruña-San Pedro de Présaras ata Boimorto que, ademais de conectar Boimorto e Abegondo, permitirá aumentar de seis a oito as expedicións actuais que percorren Boimorto-A Coruña”.
Así mesmo, o funcionamento da nova liña Boimorto-Mesía-Ordes-estacións de autobuses e de ferrocarril tamén permitirá enlazar estes tres municipios e mellorar a conexión dos veciños desta contorna con cidades como A Coruña ou Santiago.