Santiago, 22 de outubro de 2020.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, informou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia levará adiante as actuacións precisas, en canto a situación da pandemia da Covid-19 o permita, para volver á situación previa respecto da atención sanitaria presencial nos consultorios de Paradela en Meis e de Vilaxoán en Vilagarcía, así como na atención pediátrica en Meis.
Encarna Amigo explicou que a actual situación de pandemia sanitaria “obríganos a todos, e con máis motivo ás autoridades e aos responsables políticos, a tomar as medidas de prevención axeitadas para preservar a seguridade tanto dos pacientes como dos profesionais”. “Este é o principal motivo polo que desde o Servizo Galego de Saúde se toman medidas organizativas de peches transitorios de consultorios”, apuntou.
CONDICIÓNS DE SEGURIDADE
“Estes peches non son definitivos porque será mentres a situación sanitaria provocada pola pandemia así o aconselle, de forma que no momento que a pandemia estea controlada a situación poida ser revertida”, manifestou.
Ademais, a portavoz popular indicou que “os consultorios que se están a pechar provisionais, na maioría das ocasións, non reúnen as condicións mínimas de seguridade para a atención dos pacientes en esta situación de pandemia, como pode ser o caso dun local de illamento de pacientes con sospeita de Covid-19 ou contar con circuítos diferenciados para pacientes respiratorios e non respiratorios”.
“A calidade asistencial sempre está garantida por parte do Sergas”, asegurou Encarna Amigo, quen sinalou que “os médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria están capacitados para a atención da poboación infantil, toda vez que no seu período de formación como MIR adquiren e rotan no servizo de pediatría, adquirindo os coñecementos necesarios para valorar e atender a dita poboación”.