Santiago, 23 de outubro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, acusou hoxe no Parlamento aos socialistas galegos de “pretender lavarse a cara con manobras de distracción e botar balóns fóra” pedindo agora un plan de reconstrución para A Mariña lucense. Neste sentido, cuestionou se “o Goberno de Pedro Sánchez non pensa cumprir o mandato tanto do Congreso como do Parlamento galego para intervir temporalmente a factoría de Alcoa en San Cibrao”, porque afirmou que “os nosos esforzos neste momento deben centrarse no mantemento da empresa e os postos de traballo”.
Miguel Tellado manifestou que “debemos exercer a palabra con responsabilidade, rigor e seriedade, sen tratar de enganar a ninguén”. Así, incidiu que a proposta dun plan de reconstrución para A Mariña “non é máis que unha manobra de distracción” e asegurou que desde o PPdeG “seguimos pedindo unha intervención temporal e un prezo público da enerxía competitivo”.
“Sen un novo estatuto para as empresas electrointensivas, a nova empresa que se faga cargo de Alcoa tamén estará obrigada a pechar”, afirmou o viceportavoz popular, quen lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez leve dous anos negándose a aprobar este estatuto e agora os socialistas galegos pretenden resolver esta cuestión con axudas á hostalería ou á restauración da Mariña”.
Tellado amosou a súa preocupación porque a deputada socialista “foi moi clara na súa intervención: o Goberno de Pedro Sánchez non está a favor de intervir a empresa e vai deixar que Alcoa peche, un peche que afecta á economía galega e de España, xa que é a única empresa que produce aluminio primario en España”.
“A nosa postura é que Goberno central e Xunta teñen que seguir traballando xuntos para plantarlle cara á empresa, defendendo o mantemento dos postos de traballo, que non se paren as cubas, conseguir a venta e, se non é posible, proceder á intervención ata que apareza un comprador”, concretou Miguel Tellado. Pero apuntou que “nada é posible se non se consegue un prezo da electricidade competitivo, e iso só será posible cun estatuto para as empresas electrointensivas”.