Demandas do Goberno galego ao Goberno central en relación coas infraestruturas pendentes de executar na cidade da Coruña
Dende o Grupo Parlamentario Popular constatamos con preocupación como proxectos dependentes do Estado, de gran relevancia para o crecemento e desenvolvemento económico da cidade da Coruña e a súa área de influencia, estanse a dilatar no tempo sen que se coñezan avances no seu impulso e tramitación.
Algunhas infraestruturas, de feito, están a ser obxecto de continuas modificacións, tanto no que respecta ás peculiaridades do seu proxecto construtivo, como ao importe do orzamento consignado, ou mesmo aos prazos previstos para a súa realización.
A estación intermodal, a ampliación da avenida Alfonso Molina, a dragaxe da ría do Burgo, a conexión ferroviaria do porto exterior de Langosteira, o Vial 18, a ampliación da ponte da Pasaxe son algunhas das infraestruturas, reiteradamente demandadas e de gran relevancia para a cidadanía, que levan acumulados importantes retrasos na súa execución.
E é por iso que O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presentamos esta proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a esixir ao Goberno de España información pormenorizada sobre os prazos de execución e investimento das infraestruturas que ten pendentes de executar na Coruña facendo referencia con carácter prioritario:
á estación intermodal,
á ampliación da Ponte da Pasaxe,
á instalación da pasarela en Pedralonga,
á Cuarta Rolda.
á mellora do tren entre A Coruña e Ferrol e entre A Coruña e Lugo,
á ampliación da superficie da terminal e a instalación de dous novos fingers no aeroporto de Alvedro,
a ampliación da avenida Alfonso Molina,
a conexión ferroviaria do porto exterior de Langosteira, a dragaxe da ría do Burgo e o Vial 18,
e que evalúe a posibilidade de solicitar financiación á Unión Europea para a súa
financiación con fondos Next Generation”.
Rexistro Iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNC-000504