Santiago, 1 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia iniciará a vindeira semana, co seu debate de totalidade en Pleno, a tramitación da proposición de lei rexistrada polo Grupo Popular de modificación da Lei de saúde de Galicia, coa que se facilitan as intervencións sanitarias nos casos de pandemia, se poñen límites e garantías a estas actuacións, e se definen as condutas que serán obxecto de infracción en situacións de crise sanitaria. Así mesmo, o Grupo Popular demandará na sesión plenaria da vindeira semana que o Goberno central transfira a Galicia a xestión do ingreso mínimo vital e que presente os proxectos, co financiamento previsto e necesario, para o taller de subbloques e a transformación do Estaleiro 4.0 na ría de Ferrol.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, salientou o “marcado carácter lexislativo” da sesión plenaria da vindeira semana, na que, ademais da proposición de lei de modificación da Lei de saúde, tamén se debaterá a totalidade de dous novos proxectos de Lei: o de museos e outros centros museísticos de Galicia; e o de residuos e solos contaminados.
Respecto da modificación da Lei de saúde, Puy lembrou que “se trata de adaptar a normativa sanitaria para facer fronte á pandemia, sen ter que recorrer a mecanismos excepcionais como o Estado de Alarma”. “Entendemos que non procede acudir permanentemente ao Estado de Alarma para o control dunha epidemia como a da Covid-19, cando a lexislación ordinaria, en especial a sanitaria e a normativa en materia de protección civil e seguridade cidadá, permite afrontar a situación existente ás autoridades públicas”, engadiu.
“A través desta lei dámoslle unha maior consistencia á nosa normativa para a loita contra a pandemia sanitaria e conseguimos unha maior certeza con respecto ao que se pode facer e ter garantías sobre as sancións que se impoñen”, sinalou.
PROXECTOS DE LEI DE MUSEOS E DE RESIDUOS
Polo que respecta ao proxecto de Lei de museos de Galicia, permitirá completar a articulación legal das institucións culturais de referencia en Galicia, unha vez que xa existen textos lexislativos referentes aos arquivos e ás bibliotecas. Esta nova norma desenvolve dun xeito integral o sistema galego de centros museísticos, permitindo organizar e coordinar dun xeito máis eficiente as 93 institucións rexistradas en Galicia, incluídas tanto os centros de titularidade pública como privada.
Pedro Puy engadiu que a nova lei “permitirá avanzar na accesibilidade universal, a igualdade e o impulso das novas tecnoloxías dos museos e centros museísticos na Comunidade galega”.
En terceiro lugar, co proxecto de Lei de residuos e solos contaminados, “Galicia será unha das primeiras comunidades que se adapta e integra a súa normativa ao contido da Directiva Europea para o fomento da xerarquía na xestión dos residuos, incidindo na prevención”, manifestou. Neste sentido, o portavoz popular sinalou que a nova lei “prioriza a reutilizacioń e reparación daqueles materiais que se converten en residuos, con fin de darlles unha segunda oportunidade”. En concreto, establécese que en 2025 debe reciclarse un 55 por cento do peso actual.
Así mesmo, determínase que os concellos deberán instaurar a recollida separada de biorresiduos en 2023 e un ano máis tarde os residuos téxtiles e perigosos de orixe doméstica. O novo texto incorpora a obriga aos servizos de restauración de entregar as fraccións sobrantes de comida non consumida aos clientes en recipientes que non sexan dun só uso, así como o fomento da contratación pública ecolóxica.
Dentro do apartado de comparecencias, a orde do día do Pleno inclúe a presenza do Vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Turismo, para dar conta da evolución da emerxencia sanitaria da Covid-19 no ámbito das súas competencias; e da conselleira do Mar, para informar das previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento.
TRANSFERENCIA DO IMD E ESTALEIROS DA RÍA DE FERROL
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno central a transferencia a Galicia da xestión do ingreso mínimo vital. “Estamos a favor desta iniciativa, que consideramos importante para conseguir unha igualdade máis efectiva e unha loita contra a pobreza máis eficaz”, manifestou Pedro Puy, quen apuntou que “Galicia leva anos xestionando a Risga e esa experiencia, xunto co coñecemento preciso da realidade social galega, facilitaría unha máis eficiente xestión deste ingreso mínimo vital por parte da Xunta”.
Así mesmo, o Grupo Popular demandará no Pleno ao Goberno central a presentación dos proxectos, licencias e autorizacións, así como o financiamento previsto e necesario, para o taller de subbloques e para a transformación do Estaleiro 4.0, especialmente no que se refire ao Dique Seco cuberto, na ría de Ferrol. Ademais, pídese a realización da modernización do Estaleiro 4.0 a través dos novos Fondos Europeos e que se solicite á Comisión Europea a consideración do sector naval como estratéxico, permitindo a excepcionalidade na restrición dos fondos europeos para que o sector naval de Ferrol poida beneficiarse de axudas a fondo perdido.
Tamén dentro do apartado das proposicións non de lei, na sesión plenaria debaterase unha conxunta dos tres grupos parlamentarios a través da que se solicita do Goberno central a creación da nova especialidade de «Medicina de Urxencias e Emerxencias», con tramitación preferente e independente á que corresponda a un novo decreto de troncalidade.
Por último, no apartado de preguntas, os deputados populares cuestionarán ao Goberno galego sobre a súa valoración do inicio do curso marcado pola Covid-19 nas escolas infantís de Galicia; a súa opinión sobre o apoio que o Goberno do España está a facer co Corredor Mediterráneo de Mercadorías en detrimento do Corredor Atlántico; e sobre os principais resultados e conclusións que arroxa a macroenquisa sobre violencia de xénero elaborada pola da Xunta.