Santiago, 3 de decembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos cualificou hoxe de “anormalidade democrática, falta ao respecto institucional e negar información aos galegos” o incumprimento esta tarde da obriga legal da presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra de comparecer no Parlamento galego para explicar o orzamento desta institución.
Alberto Pazos explicou que a presidenta da Deputación de Pontevedra “non acode a este Parlamento porque na única ocasión que o fixo se lle puxo diante do espello e a señora Silva foi incapaz de contemplar, sen horrorizarse, a súa propia imaxe de abandono, do caciquismo e do sectarismo”.
En concreto, o deputado popular sinalou que o orzamento provincial abandona as políticas sociais, cunha baixada de máis de medio millón de euros en plena pandemia sanitaria e social; abandona ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos, xa que, a pesar de incrementar o orzamento da Deputación en 3,5 millóns de euros, é a única entidade provincial galega que non pon un só euro para este colectivo de empresarios e traballadores; e abandona aos concellos, ao rebaixar o orzamento destinado ás entidades locais en 1,2 millóns de euros.
“Pero tamén hai que falar de caciquismo no reparto de fondos, porque a práctica totalidade do orzamento que se reparte entre os concellos a través de convenios vai dirixido aos gobernados polo PSdeG e o BNG; e do sectarismo de quen non consensuou as contas nin cos alcaldes, nin cos sectores económicos, nin cos traballadores, nin coa oposición”, engadiu.
PUBLICIDADE E PROPAGANDA
Así mesmo, o deputado popular dixo que “reduce un 50 por cento o investimento en turismo, un 33 por cento os fondos de promoción para o Camiño de Santiago ou un 49 por cento a cooperación transfronteiriza; pero o que si mantén son 1,5 millóns de euros para publicidade e propaganda da presidenta”.
Pazos rematou a súa intervención lembrando que a presidenta da Deputación de Pontevedra “presumía de ser defensora da transparencia e dos traballadores, pero agora ameaza aos representantes sindicais que denuncian que están colocando a dedo aos seus amiguetes; e presumía de defender ás institucións de Vigo, pero agora ataca ao Celta por unha foto”.
“Tamén presumía de ser a gran valedora do feminismo, pero agora falta ao respecto de maneira continua e permanente ás mulleres da corporación que discrepan politicamente, porque a señora Silva é unha gran defensora dos dereitos das mulleres, pero só das que pensan como ela”, matizou.