Santiago, 11 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a elaborar un Plan de renovación do parque móbil que dote de vehículos máis eficientes e que favorezan a mobilidade sustentable.
“Deste xeito, contribuirase desde a propia Administración á redución de emisión de gases e partículas contaminantes; ao tempo que serva como compoñente de exemplaridade e concienciación que deben asumir todas as administración na loita contra o cambio climático”, sinalou o deputado popular Alberto Pazos.
Na súa intervención, Pazos lembrou que desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno da Xunta “iniciouse un proceso de racionalización do gasto, que conlevou un replantexamento xeral do funcionamento do parque móbil da Administración autonómica”.
USO COMPARTIDO DE VEHÍCULOS
“Unha das medidas máis destacadas, tanto polo aforro económico que supuxo para as arcas públicas como polo carácter exemplar da mesma, foi o establecemento do uso compartido de automóbiles no traslado de altos cargos ao seu domicilio”, sinalou. Así, recordou que tan só o Presidente, os conselleiros e os delegados territoriais da Xunta dispoñen do uso exclusivo de coche oficial e condutor, “o que supuxo unha redución de máis de 160 cargos públicos que dispoñían destes servizo exclusivo durante o anterior Goberno bipartito”.
Esta medida tamén permitiu a extensión do uso de vehículos do parque móbil a todos os empregados públicos que deben desprazarse por necesidades do servizo, tanto altos cargos, como empregados públicos, notificadores xudiciais ou entrega de paquetería e documentación.
“En definitiva, todas estas medidas repercutiron nun aforro acumulado superior aos 20 millóns de euros respecto ao modelo de xestión vixente no ano 2008”, salientou.
O deputado popular considerou que “agora cómpre seguir afondando nun modelo que se ten amosado exitoso e que, duns anos a esta parte, ten incorporado a imprescindible visión medioambiental”. Para iso, é necesario a elaboración dun novo plan de renovación do parque móbil por outro que, ao tempo que cubre as necesidades de mobilidade da Administración galega, incremente a seguridade nos desprazamentos, reduza os gastos correntes e minore a emisión de gases e partículas contaminantes ao medio ambiente”.