Santiago, 22 de decembro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, criticou hoxe que os grupos da oposición “necesitan unha escusa para poder culpar á Xunta do que vai facer Pedro Sánchez” no reparto dos fondos europeos Next Generation. Neste sentido, lamentou que os socialistas galegos “xa se atrevan a avanzar que a Galicia lle vai tocar pouco e que o reparto se vai facer de maneira centralizada desde o Gabinete de Sánchez”.
Miguel Tellado lembrou que o Parlamento galego xa se pronunciou no pasado Pleno respecto dos fondos europeos demandando ao Goberno de España uns criterios transparentes e obxectivos para o seu reparto, baseados en tres principios: o principio de subsidiariedade e cogobernanza; o principio de concorrencia competitiva; e o principio de cohesión social e territorial.
MAPA DE AXUDAS COHERENTE
“Pedimos que se deseñe un mapa de axudas coherente coa realidade dos diferentes territorios, tendo en conta factores como os niveis de renda per cápita, a porcentaxe de poboación que vive no rural, o reto demográfico ou a transición industrial”, engadiu. Neste sentido, subliñou que estes principios de reparto “son os mesmos que está demandando reiteradamente a Unión Europea aos estados membros, pero que Pedro Sánchez está empeñado en ignorar”.
O viceportavoz popular lamentou que os grupos da oposición, “en vez de traballar para crear unha fronte común que evite que Pedro Sánchez volva enganar a Galicia, aférranse unha e outra vez ao mantra de facer públicos os proxectos europeos”. Diante desta demanda, Tellado defendeu “velar pola confidencialidade para que os proxectos galegos sexan competitivos, máxime cando aínda non coñecemos os criterios de reparto nin sequera o mecanismo a través do que eses fondos van chegar ás comunidades autónomas”.
“Teñen vostedes que aferrarse a calquera escusa para xustificar o que vai acontecer co reparto dos fondos europeos, que se repartirán con criterios políticos e favorecerán aos seus socios prioritarios”, lamentou.
Miguel Tellado lembrou que este Goberno socialista “xa traizoou a Galicia co aplauso dos socialistas galegos e a axuda cómplice dos seus socios do BNG”. “É o goberno máis lesivo para a Comunidade galega e para todo o Estado das Autonomías, que non só minora os nosos recursos senón que ataca os principios do noso autogoberno”, apuntou.