Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co impulso de novas iniciativas e instrumentos de valorización dos resultados científico-tecnolóxicos e de transferencia dos resultados da I+D+i ao mercado
Nun contexto como o actual, marcado pola pandemia Covid-19, fíxose patente para o conxunto da sociedade -e non só para a esfera empresarial e política-, a relevancia da ciencia e a tecnoloxía para proporcionar solucións aos problemas que expoñen os retos económicos e sociais. Na cadea de valor do laboratorio ao mercado ou á sociedade, a efectividade e a eficacia dos procesos de transferencia de coñecemento son decisivos para lograr -a tempo- a conversión dos resultados das actividades de investigación e desenvolvemento en valor económico e social.
Nos últimos anos, Galicia afrontou un proceso de fortalecemento e especialización do seu sistema de xeración e transferencia de coñecemento para abordar os novos retos sociais, ambientais e de mercado, focalizando o desenvolvemento das infraestruturas de I+D+i en ámbitos científico-tecnolóxicos con destino a sectores estratéxicos de alto potencial.
As políticas de estímulo e financiamento en materia de innovación, desenvoltas no marco da RIS3, e de fomento da investigación por parte do Goberno da Xunta de Galicia propiciaron o fortalecemento e vertebración do Sistema Galego de I+D+i dinamizándoo e dotándoo dos distintos elementos para completar o proceso de innovación.
Ademais destas políticas favorecedoras da transferencia impulsáronse tamén novos instrumentos, algúns deles con carácter pioneiro a nivel estatal como no caso do Programa de Proba de Concepto IGNICIA, instrumentos de Compra Pública Innovadora ou o primeiro programa nacional para o desenvolvemento temperá de fármacos; a estes hai que engadir o esforzo realizado para promover Unidades Mixtas de Investigación-UMIS entre empresas e centros tecnolóxicos ou a creación de Hubs de Innovación Dixital.
A pesar dos esforzos realizados, en termos de transferencia aínda é necesario afondar nas melloras que permitan consolidar un sistema galego de xeración de coñecemento que aprenda e se conecte á realidade do tecido produtivo para responder e adiantarse ás necesidades da sociedade, articulando modelos de colaboración entre axentes e dinamizando procesos de valorización e transferencia que maximicen a orientación a resultados. Ademais a transferencia require de importantes capacidades organizativas e profesionais para o seu desenvolvemento.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar novas iniciativas e instrumentos de valorización dos resultados científico-tecnolóxicos e de transferencia dos resultados da I+D ao mercado, a través da continuidade dos mecanismos de financiamento, fortalecendo as capacidades organizativas e profesionais das estruturas e dos centros, impulsando unha cultura da transferencia na comunidade investigadora, incentivando a función de transferencia de coñecemento, mellorando as capacidades dos nosos xestores de transferencia ou establecendo mecanismos de monitoraxe da transferencia”.
Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000926