Tellado di que a Sánchez só lle preocupan as eleccións catalás e os territorios que o manteñen no poder, contando sempre co aplauso PSdeG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, salientou que os populares galegos apoiarán a folga xeral do día 10 de marzo da comarca de Ferrolterra, que se rebela contra o abandono que sofre por parte do Executivo central. Así o expresou acompañado polo presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e polo presidente local, José Manuel Rey, nunha rolda de prensa celebrada en Ferrol.
Como explicou, desde a Xunta levan moito tempo buscando solucións da man dos traballadores para salvar un tecido industrial que é fundamental para futuro de Galicia, “pero necesitamos o compromiso dun Goberno que leva anos mirando cara outro lado e que só pensa nas eleccións catalás e nos territorios que o manteñen no poder, abandonando a Ferrol ao desemprego e á desindustrialización”.
“O PSOE está condenando o futuro de Ferrolterra e de toda Galicia”, denunciou indicando que logrou, por acción e por omisión, que se destrúan milleiros de empregos “e sempre co aplauso cómplice do PSdeG de Gonzalo Caballero, que só vén a esta comarca a sacarse fotos pero xamais o escoitaredes demandar as solucións que necesitamos ao Goberno de España”.
Nese senso, o número dous do PPdeG incidiu en que o Executivo central abocou a Ferrol a unha situación de emerxencia social e económica mediante unha política enerxética errática e contraditoria, cunha total falta de planificación e proxección industrial e tomando decisións que, conscientemente, están favorecendo a outras zonas de España en detrimento de Ferrolterra. “O Goberno de Pedro Sánchez nin apoia o presente da industria de Ferrol, nin nos deixan construír un futuro para a nosa comarca e para toda Galicia”, aseverou.
De feito, lembrou que o PSOE abandonou o naval ferrolán, primeiro retrasando sine die a construción das Fragatas F110 e, cando se demandou un novo buque, afirmando que non facía falta para, pouco despois, encargar a súa construción aos estaleiros de Cádiz; está provocando que Siemens-Gamesa se marche do noso país ante a inseguridade xerada por un Goberno que non busca solucións nin aposta pola innovación; e permanece impasible ante o anuncio do peche definitivo da central das Pontes, como resultado dos seus complexos ideolóxicos e dos seus socios, que están destruíndo o modelo enerxético actual sen preocuparse polos traballadores nin comprometerse cunha transición enerxética real.
Sobre esta última cuestión, Diego Calvo insistiu en pedir ao Executivo central que impida o peche de Endesa, xa que é técnica e economicamente viable que siga funcionando con outro tipo de combustible; solicitou que regresen os empregados que foron desprazados a outras instalacións; e que se teñan en conta aos traballadores das auxiliares e aos camioneiros, que levan meses agardando unha resposta. “Non queremos máis decisións drásticas para a comarca como ás que xa nos teñen acostumados e que supoñen que, dun día para outro, moitas persoas se queden no paro”.
Tamén José Manuel Rey falou sobre o problema de desemprego que sofre esta zona, destacando que o sustento da comarca é o sector naval, sen o que Ferrol “non ten presente nin futuro”. Segundo precisou, necesítase unha solución inmediata que se traduce na construción dun barco que evite que outras mil persoas engrosen este ano as listas do paro.
“No naval non valen nin máis palabras, nin máis plans, o que fan falta son feitos”, remarcou mentres reclamaba aos dirixentes locais, provinciais e autonómicos do PSOE que non antepoñan os intereses do seu partido sobre os intereses dos seus veciños.