Iniciativas do Grupo Popular sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co actual bloqueo da comercialización das capturas de marraxo
O 6 de febreiro a conselleira do Mar, mantivo unha xuntanza de traballo cos representantes da frota de palangre galega e coas empresas transformadoras dependentes dela co obxectivo de analizar a situación do sector e as dificultades que se atopan no desenvolvemento da súa actividade. Neste sentido, as partes coincidiron na necesidade de que o Goberno central ofreza unha solución urxente ao bloqueo que está a sufrir a comercialización do marraxo, deixando capturas retidas a bordo dos barcos ou en tránsito cara a España, o que pon en risco a rendibilidade do sector.
Os representantes dos armadores, das empresas transformadores e do Executivo galego lamentaron a falla de coordinación existente entre os Ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico pola que o sector non pode comercializar as capturas realizadas correctamente en aplicación dos totais admisibles de captura (TAC) e cotas autorizados pola Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat).
A orixe dese bloqueo está na inclusión do marraxo no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (Cites) en agosto de 2019, momento no que se fixo necesario que as capturas fosen acompañadas dun certificado que debe emitir a Secretaría de Estado de Comercio, previo informe favorable da Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, para poder ser comercializadas.
O paradoxo prodúcese como consecuencia da autoimposición por parte da Vicepresidencia cuarta do Goberno central dunha cota de comercialización do marraxo inferior ao TAC fixado por Iccat para esta especie, o que provoca que toneladas de capturas realizadas correctamente queden bloqueadas sen poder ser comercializadas, cos consecuentes prexuízos para a frota pesqueira e o sector transformador vencellado a ela.
O bloqueo das capturas de marraxo, unha especie que non é a principal na actividade desta frota pero que supón un importante complemento na súa facturación, afecta a preto de 120 buques de palangre de superficie galegos que dan emprego a máis de
850 tripulantes. Ademais, trátase dun sector que exporta, xunto coa industria asociada a el, preto de 125 millóns de euros ao ano.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta e Galicia a que solicite ao Goberno de España a dar unha solución urxente ao bloqueo actual da comercialización das capturas de marraxo”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001110