Iniciativa sobre a demanda por parte do Goberno galego da apertura de máis pasos fronteirizos entre España e Portugal
O pasado 31 de xaneiro, como consecuencia do aumento da incidencia sanitaria da COVID-19, o goberno portugués decretou o peche das súas fronteiras e limitou a «casos excepcionais» as viaxes dos seus cidadáns ao estranxeiro. Pola súa banda, o goberno español confirmaba a medida, falando de controis na fronteira terrestre.
Como consecuencia destes feitos, víronse afectados 24 dos 27 pasos fronteirizos que Galicia ten con Portugal, e a situación agravou, aínda máis, a difícil situación socioeconómica provocada pola pandemia en toda a zona da «raia». Os traballadores transfronteirizos, así como aqueles que acrediten, documentalmente, causas de forza maior ou situación de necesidade, deben someterse, ademais de a largas colas nos pasos habilitados, a percorridos de ata 200km para cruzar a fronteira
Esta realidade non é nova, e repite situacións xa denunciadas e reclamadas pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), que puxo en coñecemento da Comisión Europea estas dificultades, no marco do webinar ”The role of SMEs in border regions”, organizado pola ARFE (Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa).
Queda clara a necesidade de artellar medidas que permitan facilitar a mobilidade de traballadores fronteirizos e acadar pasos máis permeables, polo que O Grupo Parlamentario Popular do Parlamento de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar aos Gobernos de España e de Portugal a abrir máis pasos fronteirizos co fin de facilitar a mobilidade das persoas traballadoras na área de fronteira”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001118