Santiago, 17 de marzo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz anunciou hoxe no Parlamento a presentación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno de España a inclusión das perruquerías, barberías e salóns de peiteado no listado de actividades beneficiarias das axudas directas aprobado polo Consello de Ministros o pasado venres.
Cristina Sanz lamentou que perruqueiros, barbeiros e esteticistas non están incluídos no listado de 95 actividades beneficiadas polas axudas que contempla o Real Decreto-Lei de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial.
“Esta exclusión, xunto coa abstención dos socialistas galegos no Parlamento galego á proposición non de lei do Grupo Popular que solicita a baixada do IVE para o sector das perruquerías, permite obter unha nítida imaxe do abandono do PSOE a este sector, totalmente ao contrario do que leva facendo o Goberno galego desde o inicio da pandemia”, sinalou.
PLAN DE RESCATE GALEGO
Así, a deputada popular subliñou que o Goberno galego “foi quen de poñer en marcha un dos plans de rescate máis ambiciosos de toda España, dotado con 160 millóns de euros, incluíndo entre os beneficiarios ao sector dos perruqueiros e esteticistas”.
“Pedimos a mesma implicación do resto das administracións públicas na medida das súas posibilidades, polo que lamentamos profundamente que o Goberno de Pedro Sánchez se esquecera totalmente do sector das perruquerías, barberías e salóns de peiteado, considerando que non se atopan entre as empresas que máis o necesitan”, manifestou.