A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, apela votar ao PP en Pontevedra, “o único voto útil” que fará posible o desaloxo de Sánchez da Moncloa e poñer fin á “política do medo” que está promovendo a esquerda durante a campaña. Para iso, apela a concentrar o voto no proxecto popular, evitando as divisións e, así, conseguir o cuarto escano na provincia. “Somos a única forza capaz de lograr o cambio no Goberno, necesario despois de oito anos de corrupción e indecencia”, lembrou. Neste punto, tamén criticou aos “cómplices” do sanchismo, o independentismo galego, asegurando que “votar polo BNG este 29N, é o mesmo que votar polo PSOE”.
“Queremos acabar coa crispación e coa violencia, seguiremos traballando polo futuro que merece España”, manifestou Prado, avisando da “política do medo” que promove o PSOE e defendendo que a xente “pode confiar no PP, que ten proxectos, e propostas de futuro”. Así o manifestou a número dous dos populares galegos nun paseo por Pontevedra, xunto á numero dous ao Congreso pola provincia, Pepa Pardo, e o presidente do PP local e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, así como outros membros da candidatura e cargos do partido. Durante a visita, aclarou as dúbidas da veciñanza sobre o voto útil e tamén escoitou as inquedanzas dos veciños e veciñas da vila, afirmando que o Partido Popular seguirá facendo unha campaña en positivo.
A secretaria xeral apelou á “forza” de cada voto en Pontevedra. En 2023, o PP e o PSOE empataron con tres escanos, aínda que o PP sacases máis de 46.000 votos máis que os socialistas. “Isto non pode volver a ocorrer. Estamos fortes e imos a polo cuarto en Pontevedra”, subliñou. Lembrou a importancia de elixir a candidatura encabezada por Julio García Comesaña no Congreso, e marcar aos tres candidatos do PP no caso do Senado: Nidia Arévalo, José Crespo e Mónica Domínguez.
Neste sentido remarcou que Pontevedra conta, “e moito, será o motor do cambio para que os escanos desta provincia axuden a Alberto Núñez Feijóo a acadar a Presidencia do Goberno de España”. Pediu, así, a confianza dos pontevedreses e pontevedresas nas urnas o próximo 29N.
Ademais, Paula Prado aproveitou para poñer en valor a vitoria de Alberto Núñez Feijóo no cara a cara con Sánchez. “A vitoria do noso candidato foi a máis contundente e clara que se ten producido nunca nun debate electoral. Nunca un candidato á presidencia do Goberno someteu así ao seu rival”, sinalou, insistindo en que a decencia gañou no debate, pero ten que gañar “tamén nas urnas”.
Para Prado, os españois elixen o próximo 29 de novembro entre dous modelos: “O da mentira, a neglixencia e a incompetencia de Sánchez ou o da verdade, a xestión e a honradez de Feijóo”.