Santiago, 18 de marzo de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lamentou hoxe que o BNG rexeitara aprobar no Parlamento unha proposición non de lei dirixida a “intensificar o control das condicións de traballo e de cumprimento da prevención de riscos laborais no sector da industria da pedra e do mármore, así como prestar unha atención especializada na diagnose e tratamento da silicose a través de unidades de referencia para toda Galicia”.
Encarna Amigo indicou que “na actualidade xa existe un control e actuacións específicas nos traballos con risco de exposición a po de sílice en todas as actividades nas que é elevado este risco, como a lousa, o granito, a construción ou os aglomerados de cuarzo, entre outros”.
INSPECCIÓN
Este control realizase polos órganos con funcións inspectoras da autoridade laboral e da autoridade mineira, sen prexuízo da actuación da autoridade sanitaria e co apoio técnico e a investigación da enfermidade profesional e da súa sospeita por parte do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que tamén desenvolve campañas de sensibilización e información nestes sectores e moi especialmente no relativo á hixiene industrial e saúde laboral.
Ademais, concretou que as zonas de maior incidencia da enfermidade en Galicia son ás áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco, así como a de Vigo. “O Sergas ten desenvolvido nestas dúas áreas proxectos específicos de atención ás persoas con silicose”, asegurou a portavoz popular.
En concreto, apuntou que na área sanitaria de Ourense existe unha atención sanitaria a esta patoloxía que cumpre todos os niveis de calidade ofrecida por parte do Servizo de Neumoloxía, que permite abordar a patoloxía provocada por esta enfermidade dunha forma áxil e garantindo a súa atención.
Así mesmo, na Área Sanitaria de Vigo existe un procedemento de coordinación entre atención primaria e o Servizo de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, establecendo as actuacións precisas aos pacientes con silicose nesta zona.