Santiago, 23 de marzo de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Pleno do Parlamento de Galicia dunha moción a través da que se solicita á Xunta desenvolver un plan de contratación de persoal sanitario en saúde mental que implique a incorporación de 120 novas prazas antes de rematar este ano. Así mesmo, pídese dotar os medios axeitados para o inicio do financiamento en 2021 dunha unidade de psicoxeriatría na área sanitaria de Ourense.
Así mesmo, o Grupo Popular apoiou instar á Xunta para que asuma o informe do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura e levar a cabo todas as medidas e recomendacións que se indican para reverter os graves problemas sinalados nos vindeiros seis meses, solicitando posteriormente unha nova avaliación ao propio MNP ou auditoría externa independente que valore o cumprimento e a situación do centro e das persoas alí ingresadas.
INCORPORAR PROFESIONAIS DE SAÚDE MENTAL
Por último, pídese que se inicie o procedemento para incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria que é a Administración galega.
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lembrou que o Goberno galego aprobou o pasado mes de xuño o Plan de saúde mental de Galicia 2020-2024 “no que se contemplan diferentes medidas e obxectivos para a mellora da calidade asistencial das persoas cun trastorno mental e tamén destinadas á prevención e a detección precoz, ademais de centrar a recuperación na contorna do paciente para diminuír o risco de presentar un trastorno mental, e, no caso de que este se produza, minimizar o impacto que o seu padecemento ten nas persoas e nas súas familias”.
Este Plan, que xa se adaptou ás circunstancias da pandemia, conta cun orzamento de 83 millóns de euros para os catro anos da súa vixencia. En concreto, nos presupostos da Xunta para 2021 figura unha partida superior aos 12 millóns de euros.
Ademais da posta en marcha dunha unidade de Psicoxeriatría na área sanitaria de Ourense ao longo do presente ano, a portavoz popular lembrou o compromiso do Goberno galego de iniciar antes de que remate 2021 as obras da unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo. “A maiores, neste tema tan sensible e de tanta transcendencia, está prevista a creación en todas as áreas sanitarias dun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil que permita unha atención especial e de alta intensidade, para dar unha resposta máis intensiva e frecuente para minimizar a necesidade de ingreso dos pacientes máis novos”, engadiu.