Santiago, 14 de abril de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo explicou hoxe no Pleno que “a iniciativa privada, ademais das colaboracións público-privadas, son as que permiten, en boa medida, que se desenvolvan proxectos a escala global para obter vacinas en tempo récord contra a Covid-19”. “Os dereitos de propiedade garanten que compañías farmacéuticas en todo o mundo se lancen á carreira incerta de investigar medicamentos, que implica grandes custes, un alto risco e remata con máis control público no que respecta á seguridade do produto”, explicou.
No debate dunha proposición non de lei sobre as patentes das vacinas contra a Covid-19, Rodríguez-Vispo manifestou que a eliminación das patentes proposta polo BNG “vai camiño de destruír os incentivos para a investigación”. “Non deixa de sorprender que unha formación política ao que lle gusta tanto falar de modernidade e de I+D+i empece a cuestionar os mecanismos da propiedade intelectual e os incentivos á innovación”, dixo a deputada popular, quen indicou que “non podemos obviar que nos atopamos nun contexto de tensión entre a fabricación das vacinas e a demanda das mesmas”.
“Rescindir as patentes, que son compatibles coa investigación pública, é minguar a innovación da iniciativa privada no mundo e, desde logo, non sería beneficioso para os países en vías de desenvolvemento”, engadiu.
CONTRATOS DE COLABORACIÓN
Ademais, apuntou que “os problemas de acceso ás vacinas non se resolven suspendendo as patentes, porque están relacionados coa insuficiente capacidade de produción”. Así, indicou que “algúns expertos falan doutros mecanismos posibles para solucionar o problema: a través dos contratos de colaboración, xa que así se afectaría menos á innovación”.
Marta Rodríguez-Vispo lembrou que en España se administran “as vacinas que superan os controis sanitarios públicos” e afirmou que a Axencia Europea do Medicamento “se caracterizou por ser extraordinariamente escrupulosa e precavida en todas as súas decisións sobre as vacinas, extremando as medidas de seguridade para o paciente”.
“Cremos nunha Unión Europea que garante o libre mercado e a liberdade da iniciativa innovadora, que garante a seguridade das vacinas e que actúa de forma conxunta e solidaria para os estados membros”, rematou.