Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central respecto dos proxectos pendentes coa cidade de Vigo, así como sobre os textos legais e as medidas que a prexudican
A cidade de Vigo está a perder cada vez máis peso nas decisións do Goberno central e as súas necesidades deixaron de ser prioritarias. En consecuencia, as actuacións pendentes acumúlanse, afectando ao futuro da primeira cidade de Galicia e centro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Por iso é preciso reivindicar a reactivación de todos eses proxectos urxentes, que en parte xa foran comprometidos polo Goberno anterior e que, ou ben permaneceron durmidos tras o cambio de Executivo, viron reducida a súa dotación orzamentaria ou mesmo desapareceron dos plans do novo Goberno.
Paralelamente, o Executivo central está a promover cambios legais que poñen en risco a base produtiva e laboral de Vigo e a súa comarca.
Unhas carencias e unhas decisións que prexudican á mobilidade da cidade, á seguridade viaria, á saúde e ao benestar dos vigueses, aos servizos básicos e á economía familiar, pero tamén á competitividade do tecido empresarial, da automoción, do sector pesqueiro ou da cadea mar-industria.
Todo isto, sen que exista máis interlocutor có Estado, que, o Presidente do Goberno galego, ante o absoluto abandono do Executivo local.
No ámbito das infraestruturas viarias, o Estado ten pendentes varias actuacións na AP-9, como a instalación de pantallas acústicas e a ampliación da vía en Chapela, imprescindibles para o benestar dos veciños da zona.
O mesmo ocorre coa integración urbana da AP-9 entre o centro de Vigo e o enlace de Bos Aires. Igual de irrenunciable é a conexión da autoestrada co Ifevi para dotar ao recinto feiral duns accesos á altura da ampliación que acomete a Xunta de Galicia.
Sobre a AP-9, o Goberno de España tamén debe acometer a transferencia de titularidade, dotada dos recursos necesarios para a súa xestión e a execución das obras planificadas, así como para cumprir co compromiso de liberación da peaxe de Redondela. Fundamental tamén é a activación das bonificacións.
Medidas que terían un impacto positivo na economía dos vigueses e veciños da área. En materia de estradas tamén é urxente bonificar a peaxe Vigo-Tui, para que ese tramo
de autoestrada poida ser unha alternativa á A-55 e permita desconxestionar unha das vías de maior sinistralidade de Galicia. Ou o acondicionamento do tramo urbano da A-
55 (Vigo-Tui) na avenida de Madrid. Outro proxecto esquecido polo Goberno central é o soterramento da VG-20 en Navia, vital para solucionar o illamento do barrio provocado por unha estrada pola que circulan 20.000 vehículos diarios.
Sobre as infraestruturas ferroviarias, Vigo e a súa área non poden esperar máis polo Corredor Atlántico con conexión ferroviaria coas principais plataformas loxísticas e os portos de interese xeral de Estado, así como polo AVE Vigo-O Porto e o saída sur. Tamén segue pendente a liña directa de AVE Ourense-Vigo por Cerdedo como infraestrutura destinada a vertebrar o sur de Galicia.
O futuro da base produtiva de Vigo, a súa competitividade e a reactivación económica da cidade e de Galicia dependen destes proxectos. E aínda que se deron algúns pasos cara adiante, o compromiso debe ser real e efectivo.
En relación ao sector industrial, preocupa especialmente a decisión do Goberno de Sánchez de anular a construción da subestación eléctrica de Balaídos, que permitiría ao tecido empresarial de Vigo, como é o caso de Stellantis (PSA), conectarse a unha rede eléctrica moderna e estable.
Ademais, é hora de que o Executivo central aposte por unha planta de baterías no noroeste de España que debería estar instalada en Vigo.
Sobre o sector pesqueiro e a cadea mar-industria, dúas leis que está a tramitar o Goberno do Estado prexudican directamente a Vigo e a súa área. Por unha banda, o artigo 18 da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética pon en perigo milleiros de empresas e empregos, con posibles consecuencias catastróficas para a cadea mar- industria.
Así mesmo, a Lei de Pesca Sostible e Investigación Pesqueira está a xerar unha gran incerteza polas dúbidas que xera a posibilidade de retirada de cotas, unha medida que pode reducir as renovacións ou modernizacións das frotas. Tamén resulta primordial solucionar os problemas estruturais do sistema de abastecemento de auga da cidade e o sur da provincia.
No ámbito cultural, o Estado ten pendente executar unha biblioteca nacional adaptada á realidade da primeira urbe de Galicia, sendo inadmisible a pretensión do Goberno central de reducir o edificio á metade, especialmente cando non existe unha rede de bibliotecas municipais na cidade. A nivel turístico é inconcibible a falta de apoios ao Xacobeo, que dana especialmente a Vigo como cidade pola que transcorre o segundo Camiño máis transitado.
Ante este abandono do Goberno central a Vigo, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a solicitar ao Goberno de España que sitúe de novo os proxectos de Vigo entre as súas accións urxentes e poñer así solución a todas as carencias estruturais da cidade no que a competencias estatais se refire e rectificar aqueles textos legais e medidas que prexudican directamente á cidade, en concreto:
1. Reactivar todos os proxectos pendentes coa cidade de Vigo sobre infraestruturas viarias e ferroviarias, industria e abastecemento de auga:
a) Actuacións complementarias á ampliación da AP-9 en Chapela. b) Integración urbana da AP-9 en Vigo.
c) Conexión da AP-9 co Ifevi.
d) Remodelación da Avenida de Madrid. e) Soterramento da VG-20 en Navia.
f) Análise de elaboración do estudo de alternativas para solucionar os problemas estruturais do sistema de abastecemento da cidade e da área sur de Pontevedra, declarando esa actuación de Interese Xeral do Estado en Galicia.
g) Compromiso real co Corredor Atlántico, a conexión saída sur da cidade, o
AVE Vigo-Oporto e o AVE Ourense-Vigo por Cerdedo.
h) Conexión de Vigo á rede de transporte 220kv, incluíndoo na planificación de Rede Eléctrica de España para o período 2021- 2026.
i) Aposta por unha planta de baterías en Vigo.
2. Garantir a transferencia da AP-9 a Galicia, aplicar bonificacións e suprimir a peaxe de Redondela.
3. Garantir e concretar os apoios ao Xacobeo na cidade de Vigo.
4. Executar o proxecto dunha biblioteca pública nacional respectando as dimensións iniciais.
5. Rectificar a Lei de Cambio Climático e a Lei de Pesca Sostible naqueles artigos que prexudican directamente a Vigo e a súa área”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001282