Iniciativa sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para o mantemento do seu apoio ás persoas creadoras do ámbito cultural
O pasado mes de marzo, a Xunta de Galicia presentou o programa REGA: Residencias artísticas no Gaiás como unha iniciativa de impulso á creación artística.
A Cidade de Cultura, que vén de cumprir os seus primeiros dez anos como un referente cultural, será o centro desta proposta. O Gaiás porá a disposición dos artistas participantes os seus recursos para que desenvolvan, nun entorno inmellorable, novos proxectos culturais ao tempo, avanza no seu papel como faro da creación.
Esta edición de REGA, impulsada polo Goberno galego, estruturarase en cinco convocatorias nas que poderán participar preto de medio centenar de creadores en disciplinas como as artes escénicas, a musica, a danza, o audiovisual, a literatura…
En calquera caso, Residencias Artísticas no Gaiás é só a última proposta anunciada pola Administración autonómica, que leva anos favorecendo a posta en marcha de diferentes residencias e espazos de encontro para artistas e novos talentos.
Baixo este marco, parece oportuno que a Xunta de Galicia continúe avanzando no apoio aos creadores e creadoras culturais a través da elaboración dunha folla de ruta que afonde nas medidas dirixidas a este ámbito e sirva para dar un paso máis no apoio á creación.
Polo exposto, O Grupo Parlamentario popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar prestando apoio aos creadores e creadoras culturais mediante a elaboración dun plan que afonde neste ámbito.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001371